Imprimir

O mes de outubro en Bos Aires

Manuel Suárez Suárez | Dende Lonxe de Montevideo...

que pasa na costa | 03 de outubro de 2019

Jacarandás na Avenida de Bos Aires-Foto-Juan Carr
Jacarandás na Avenida de Bos Aires-Foto-Juan Carr

Estou vendo a doña Macrigaita, intranquila. O seu actual estado de ánimo non se debe á primavera que debería de alegrarlle porque lle encanta pasear por baixo dun par de jacarandás que na esquina da avenida se salvaron do machete do xefe Berreta que desgoberna a cidade de Bos Aires. Onte dicía que si queremos transporte moderno é necesario proceder á tala das árbores que interrompen o paso do “Metrobús”. Agora, logo de matear coa súa apreciada “Abuelita" cambiou de parecer xa que gozar das fermosas flores na vereda non ten prezo. Sen darse case conta está panquequeando. Do mesmo xeito que outros votantes macristas -que xamais o comentarán en público- se arrepinten de ser cómplice do gran afane masivo da “MacriBanda”.

Neste mes recorda que os seus pais falaban do exceso de choiva que en Galicia estropeaba as colleitas. Naqueles tempos dáballes pouca bola. Non entendía o significado de que “a auga do outono mata a seu dono”. A verdade é que tiña o pensamento noutras cousas que lle parecían importantes. Ao final resultou eran as banalidades típicas da sociedade porteña na que sempre estivo ausente a identidade. Recentemente avivouse de que puido ser enredada polas chamuyadas do contrabandista calabrés ao esquecerse das raíces. Sentía que sendo unha auténtica porteña debe de putear aos que non queren agarrar a pala. Esqueceuse de que nunca tivo unha pala na man. Cunha simple frase metérona nunha bolsa e quedouna como unha otaria máis do grupo boludo de anhelantes compradores de dólares baratos.

Bueno, quizais sexa outro panqueque máis pero estalle dando voltas a un apunte que fixo no seu caderno de cociña, á beira dunha receita de merluza ao forno, do que dixo hai pouco o Papa Francisco na República de Mauricio, un país onde unha das súas illas chámase “A Galega”. Semella que está describindo o que fixo Macri nestes case catro anos de intensa perda na calidade de vida da gran maioría de arxentinos. Dixo o Papa ao despedirse dos seus anfitriones no Índico: Anímovos a non sucumbir á tentación dun modelo idólatra que sente a necesidade de sacrificar vidas humanas no altar da especulación e a mera rentabilidade, que só toma en conta o beneficio inmediato en detrimento da protección dos máis pobres, do noso medio ambiente e dos seus recursos. Sendo católica teño que estar co Papa aínda que é evidente que Jorge de Flores é medio peroncho. Antes os Papas falaban do rezo para entrar no ceo pero parece que tamén ao Vaticano chegou o panquequismo.

Doña Macrigaita está sorprendida de ver a xente coñecida que onte lle viñan con globiños amarelos para atar no balcón e agora son máis “albertistas” que o propio Alberto Fernández. Algúns disimulan o paso ás tendas “F&F” facendo a salvidade de que soamente apoian ao Number One e non queren saber nada coa Number Two. É lamentable que haxa tantos cidadáns carentes de conviccións. Varias das súas amizades -nadas en Galicia- enfurecíanse contra Cristina porque non lles deixaba cobrar en dólares ou euros, a pensión que lle envían desde o Reino de España. Criticaban o cepo cambiario dicindo que así o país non camiñaba. O que non teño claro é a razón de non criticar que o actual prezo do dólar ande polas nubes. Se pegas bandazos non axudas ao progreso do país pero aumentas o laburo das psicólogas e pitonisas da CABA que din son moi competentes no seu oficio.

Vai a aprovisionarse de yerba para que non lle falte o seu medicinal “Abuelita” no domingo electoral mentres espera a pechadura das furnas e o escrutinio dos votos. É unha fixa que don Alberto será o novo presidente pero o realmente interesante serán os comentarios dos mercenarios do “Clarinete” e tamén a sabia reflexión da sempre situada señora deputada que é moi coñecida por ser a nai dun narcotraficante. Outra linda sorpresa estará na mesa panquequera da Momia Legrand. É sabido que abundará en eloxios ao novo presidente. Dirache que ademais dos seus amplos coñecementos en dereito penal ten un bigote que o fai ser unha persoa de confianza e quizais che mostre algunha grabación onde se lle ve en compañía de Dylan. Véñense uns anos de esforzo para recuperar a luz que apagou o gran trucho don Mauricio.

UN ANO EN BOS AIRES

Outros artigos dende Lonxe de Montevideo

Podes ver este artigo na próxima dirección /opinion/manuel-suarez-suarez/mes-outubro-bos-aires/20191003101639113597.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA