Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Ramón Sánchez debulla o seu primeiro poemario cheo de erotismo

O carballes Ramón Sánchez publica libro-Foto-Mari Blanco
O carballes Ramón Sánchez publica o seu primeiro libro de poemas-Foto-Mari Blanco
Ramón Sánchez debulla o seu primeiro poemario cheo de erotismo

Vén de publicar o carballés Ramón Sánchez na noiesa Editorial Toxosoutos o seu primeiro poemario. "Descender pola nádega da montaña”, obra de corte “predominantemente erótico”, e a primeira que saca ás librarías este carballés de 44 anos que traballa no sector textil.

 
  • QPC: Fálanos un pouco ti. Canto tempo levas escribindo? Escribes só poesía ou algunha outra cousa máis?

O meu interese pola escrita remóntase a finais de 2014, cando comecei a esbozar os meus primeiros poemas, mais pódese dicir que o facía de forma intermitente. Logo de presentarme a varios certames de poesía e obter algunha distinción, xa me puxen a escribir de xeito máis continuado.

Neses primeiros momentos escribía poesía e microrrelatos, tanto en galego como en castelán, pero co paso do tempo centreime en escribir maiormente poesía en lingua galega, que é o terreo no que máis cómodo me sinto. Pero tampouco descarto, nalgún momento, ampliar eses microrrelatos e darlles a cohesión que faga deles un libro.

 
  • QPC: Como nace este libro?

Eu xa tiña algún poema de corte erótico escrito de había tempo, mais con motivo da XIV edición do Certame de poesía erótica Illas Sisargas decidín aumentar ese conxunto e participar así no certame. Ó non obter o premio, e animado pola miña parella, púxenme en contacto con varias editoriais e foi Toxosoutos quen se interesou polos poemas e quen acabou publicándoos.

 
  • QPC: Que fío condutor ten?

Reflicten estes poemas a urxencia primitiva da carne, do contacto dos corpos. A necesidade, primeiro, de escudarse no anonimato que confire a escuridade, e a premisa, máis tarde, de nomear aquilo que é de seu, que lles pertence, aquilo que aleitaron co paso das horas. É un libro que acontece dende que esperta a noite ata que abre o día.

 

Mais aló da poesía que me obrigaban a ler na escola, a miña incorporación serodia ó mundo da escrita coincidiu tamén coa miña paixón pola lectura deste xénero, polo que, como é comprensible, estiven alleo a calquera movemento literario. Mais nestes últimos anos lin moitos libros de poesía, tamén de autores que formaron parte do Batallón, e teño que dicir que a obra de Paco Souto paréceme dun gusto e dunha factura sublimes. María Lado tamén é unha poeta que me enche o ollo e os sentidos.

 
  • QPC: É a Costa da Morte e a comarca de Bergantiños unha das zonas onde a poesía está máis viva de Galicia? Por que?

Non sei se esas zonas que mentas son unhas das canteiras máis vizosas de Galicia pois non coñezo en profundidade as outras comarcas do país como para afirmar tal cousa, pero o que está claro é que a Costa da Morte e Bergantiños tiveron e teñen unha nómina de poetas envexable, e cónstame que hai un relevo xeracional que oxalá chegue a florecer de xeito próspero.

 
  • QPC: Que outros referentes tes?

Se falamos de poetas en lingua galega, exerceu unha influencia en min, máis ca ningún outro, Manuel Álvarez Torneiro.
Tamén Elías Portela goza do meu aplauso e por suposto, a sempiterna Rosalía de Castro.
Dos poetas que non escriben en galego quédome con Joan Margarit (imprescindible) e con Karmelo C. Iribarren.

 
  • QPC: Onde podemos atopalo?

Quen queira conseguir un exemplar do libro pode contactarme a través das redes sociais (@vaichevilarisa), pedilo na páxina web da Editorial Toxosoutos ou ben preguntar por el nas librarías.  

outras novas de poesía

Comentarios