Luns. 06.05.2024
El tiempo

María González e Iago Morenza cumpren as previsións e levan o II Duatlón “Eleuterio Balayo” de Muros

María González e Iago Morenza cumpren as previsións e levan o II Duatlón “Eleuterio Balayo” de Muros
Preto de 170 atletas participaron no II Duatlón Eleuterio Balayo de Muros 2017 Preto de 170 atletas participaron no II Duatlón Eleuterio Balayo de Muros 2017

Desta volta non fallaron os pronósticos. O trío de principais favoritos completaron o podio do II Duatlón Eleuterio Balayo de Muros. Iago Morenza (CD Pinarium), Brais Misa (Atletismo Porriño) e Cristian Muíño (AD Media Ducia) que viñan de facer, oitavo, décimo e décimo quinto no campionato galego de dúatlon celebrado en Vigo na semana anterior, coparon os tres primeiros postos na categoría masculina.

Pola súa banda, en categoría feminina a debutante esteirá Marinela Mayo e a experimentada Maria González Martínez protagonizaron unha fermosa batalla que caeu do lado da veteranía, completando o trío de cabeza Silvia Garcia Lorenzo.

Cómpre destacar o numeroso público que se dou cita nas inmediacións do porto muradán que non deixou de animar aos/ás participantes (especialmente aos veciños que foron da partida) ademais gozouse dunhas condicións climatolóxicas formidables.

Ademais, a proba serve de recoñecemento máis que merecido a Eleuterio Balayo, unha persoa fortemente vinculada ao deporte, á cultura e á promoción económica do municipio, colaborando e mediando en moitas das actividades que se proxectaron a nivel municipal. Os seus anos de presidente no Muros SD e a súa paixón polo ciclismo foron un dos trazos máis vinculados ao deporte, pero o que máis marcou a súa figura foi a súa carisma, o trato afable e próximo que mantiña coa veciñanza. O Concello de Muros entregoulle unha placa conmemorativa á familia de Eleuterio Balayo .

Emoción ata o final na proba masculina

O primeiro sector de carreira a pé resultou ser un monopolio de Cristian Muíño (AD Media Ducia) que conseguía saír con 20 segundos de diferenza ao sector ciclista, por detrás viña un grupo perseguidor formado por Brais Misa (Atletismo Porriño), Iago Morenza (CD Pinarium), Ismael Lago (Atletismo Porriño) e Jorge Janeiro (CD Pinarium). Pero esa vantaxe coa que partía Muíño resultou ser insuficiente para poder marcharse en solitario e xa na primeira volta do sector foi absorbido polo grupo perseguidor. Foi cando Brais Misa intentou marcar un forte ritmo na bicicleta e levou en tren ao resto de integrantes, sendo consciente de que podía ser o máis forte de todo grupo e partir con algunha vantaxe para a ultima carreira pé, pero o seu esforzo non se veu recompensado e non foi quen de marcar ningunha diferenza. O que si se puxo de manifesto foi un bo traballo por parte dos 2 clubs representados, CD Pinarium e Atletismo Porriño, sendo conscientes de que tiñan que deixar fora de xogo a Muíño xa que este parecía ser o máis rápido na carreira a pé. Nos últimos 2,5 quilómetros de carreira a pé, unha transición moi rápida de Brais Misa outorgoulle unha diferenza inicial ao seu favor duns 8 segundos sobre Morenza, Janeiro e Lago. Neses momentos Muíño parecía estar eliminado da loita polo podio e dalgunha maneira intuíase que estaba pagando o esforzo feito na primeira carreira pé partindo cun retardo duns 10 segundos ao inicio do último sector. Pero foi desta vez foi Morenza o encargado de dinamitar o último parcial a pé, primeiro recortando as diferenzas con Misa e despois marchándose en solitario cun ritmo frenético que lle daría a vitoria nesta 2ª edición do dúatlon “Eleuterio Balayo” Concello de Muros. Por detrás, tras o 2º posto de Misa, estaba por ver que ocuparía o terceiro lugar do caixón pero de novo e tras recuperar terreo a pé sería Muíño o que se faría co terceiro lugar.

Doble pelexa nas féminas

En canto a categoría feminina, a cousa resultou bastante diferente. Nun primeiro momento cumpríanse as premisas e a deportista de Esteiro, Marinela Mayo (Torribikes) dominaba con bastante facilidade o primeiro sector de carreira a pé quitándolle case 1 minuto a María González (Artrogal Tri 498), que viña de facer un 8º posto no campionato galego de Vigo, e máis de 2 minutos a Silvia García (Artrogal Tri 498). Pero o sector ciclista resultou ser decisivo para o transcurso da proba xa que toda esa vantaxe co que partía Mayo esfumouse nun abrir e pechar de ollos, chegando a perder case 4 minutos con González que viña voando. Así desta vez, a deportista do Artrogal Tri 498 saltaba líder aos últimos quilómetros de carreira a pé e aínda que Mayo foi capaz de recortar máis dun minuto e marcar o 13º mellor tempo (incluído ambas catogorías), non tería problemas para facerse coa victoria. Co terceiro posto facíase García. Destacar o papel de Marinela Mayo xa que era o seu debut en dúatlon, aínda que si é unha deportista asidua nas carreiras a pé.

Os tempos

Podio categoría feminina:
- 1ª clasificada: Maria González Martínez, Artrogal Tri498 (1:08:46)
- 2ª clasificada: Marinela Mayo, Torribikes (1:10:12)
- 3ª clasificada: Silvia Garcia Lorenzo, Artrogal Tri498 (1:15:17)

Podio categoría masculina:
- 1º clasificado: Iago Morenza, Club Deportivo Pinarium (59:00);
- 2º clasifciado: Brais Misa García, Atletismo Porriño (59:04);
- 3º clasificado: Cristian Muiño Varela, Ad Media Ducia (59:46)

Premio Ferreteria Dosil S.L.:
- Marinela Mayo, Torribikes;
- Xurxo Carballo Monteagudo, Olímpico de Vedra.

Premio Kimba Muros:
- Maria González Martínez, Artrogal Tri 498 (33,37 km/h);
- Fran J. Guillán, Artrogal Tri 498 (40,02 km/h)

 

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios