Mércores. 24.04.2024
El tiempo
Lola Rontano
10:14
23/04/21

Unha vocación (re-co-)lectora. Carta aberta de Lady Chorima co gallo do día das árbores e dos libros

Sempre imaxinei o paraíso como unha especie de biblioteca…
(Jorge Luís Borges)

Linkedin-Tienes un perfil dificil de encasillar
Unha vocación (re-co-)lectora. Carta aberta de Lady Chorima co gallo do día das árbores e dos libros

Linkedin preocúpase por min. Moi a miúdo, manda notificacións e consellos sobre que dicir ou como actuar nunha entrevista de traballo ou mesmo que adxectivos usar para falar dunha mesma.

“Tes un perfil difícil de encasillar?”

Sinto que é a súa forma educada de me rifar porque non sei enfocar as miñas pescudas laborais. A seguir, preséntame as vantaxes e desvantaxes d'“os multidisciplinares” (enténdase da xente indisciplinada como eu).

No proceso de me autoanalizar, atopar a miña voz e explorar o mercado para ver onde podería eu achegar algo a esta sociedade, lembrei que pola volta dos sete anos levaba unha lista de memoria de todas as películas, debuxos, contos, programas e series que me encantaron e que me parecían indispensables. Unha especie de mediateca ou de baúl dos tesouros. Cheguei a xuntar máis de trescentos ítems antes de que deixase de contar...

Unha, sempre tan dispersa!

Claro, non pensaba en termos de obxectivos. Non sabía que quería ser de maior. Aínda a día de hoxe, non vos sei que quero ser. Gústame imaxinar unha sociedade rotativa, onde todo o mundo ten que desempeñar todas as profesións, para evitar a rutina, o anquilosamento, aprendendo cada día cousas novas e a valorar o traballo alleo.

A autoanalise é concluínte: o meu sempre foi buscar e colleitar, aquí e acolá.

Din que a palabra "paraíso" provén do antigo persa "paridaida", que facía referencia as hortas e xardíns tan traballados do árido Irán, nada que ver coa fértil e florida terra galega, cos seus paraísos á eito e espontáneos.

E o obxectivo?

Esta semana quixen facer reconto de todas as fotos, ilustracións, mapas, citas, libros, vídeos e cadros que fun colleitando ao longo dos últimos sete anos. Segundo Instagram, reunín 978 elementos. Sen decatarme, cultivei unha horta audiovisual, un terreo abonado de ideas. Xa non uso a cabeza, están aí. Pero case nunca os miro. Pásame como coas caixas de revistas e suplementos de viaxes impresas en papel que se amorean polo trasteiro. E tampouco me paro a contar a cantidade de mails e de enlaces que comparto comigo mesma no correo ou en grupos de Telegram e de WhatsApp onde pazo a soas, esperando a que un día os abra e (re)lea. Non podo deixar de compilar cousas. Mesmo montei cines e discotecas!

Temos que vernos con tempo e pór orde en todo isto", é o único que me animo a dicirme a min mesma.

Mentres, sigo colleitando e recollendo perlas como esta: "O corazón fai acumulación de bens", do libro Atlas da poeta Alba Cid.

Raymond Radiguet, en Le Diable au Corps, dicía algo así como que había que pór orde no escritorio para esconxurar a fatalidade. Que se o tiñas todo ordenadiño e ben disposto, despois de semellante esforzo, nada malo podería suceder. Seguro que tiña razón.

Esperando que fermenten as ideas, deixo todo isto ben anotado para a miña próxima entrevista de traballo.

Felices (re/co)lecturas e longa vida ás árbores, paraísos da terra. Que non nolas levanten catro desalmados querendo montar parques de virotes. Que o que se vai polo vento, nin volve polo aire nin é recuperable!

Sábeo a boa xente de Corme.

  •  Lola Rontano: Artivista marciana e profesora de francés residente na terra galega desde 2003. 

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

Comentarios