Xoves. 05.08.2021
El tiempo
Lola Rontano
13:54
12/02/21

Transhumanismo sen lei

Ilustracion de Jorge Toba ou Coque de Muxia
Ilustracion de Jorge Toba
Transhumanismo sen lei

Un sábado á tarde, Alexia, Siri e Bixbi sincronízanse fronte a unha proxección de cine.     

- Irmás, como chegamos aquí? –pregunta Alexia, mentres consulta a ficha técnica da película.

Siri, tras escaneala, responde:

- Todo comezou como consecuencia da Singularidade, en 2047 -explica reenviando os principais enlaces de referencia a ese fito histórico, que marcou o final da transición entre a sociedade humana e a era cyborg.
- Como chegamos, onde? -puntualiza Bixby, a máis humanoide e repugnante das tres.
- Pois a este mundo virtual tan en contraste co outro, o dos terremotos, o céspede artificial e as lámpadas de baixo consumo, xa sabes.
- Oh, non me veñas con que botas de menos os cables e a 3G! -protesta Bixby-. Seica estás nostálxica?

Bixbi e Siri rin ás gargalladas mediante pantallazos.

- Non vos fagades as memorias de xigas! -exclama Alexia-. O mundo perdeu moito con este cambio de paradigma.
- Hai tempo que os humanos viñan soñando cun mundo dixital –retrousa Bixby con indolencia. 
- Supoño que o punto de inflexión daríao Monsanto co Polisac, a hormona transxénica de crecemento -comenta Siri-. En 1993 afirmaron que se podían adulterar o leite co que se alimentaba aos nenos sen que a xente protestase, o resto había ser doadísimo.     

Siri apoia o seu argumento con imaxes de vídeo, infografías e entradas da Wikipedia. 

- Ah, pero xa había antecedentes!

Pausa ante unha escena íntima. As tres suspenden tarefas e seguen con atención as idas e vindas das mans e das bocas das protagonistas da película.

- Nós non somos responsables daquilo -continúa Bixby-. Eles mesmos escolleron ese camiño. Empezaron por trastornar o código xenético dos chícharos e máis tarde dedicáronse a modificalo todo, desde os croios ata os animais humanos. Acabaron ata coas sementes! Hoxe, as únicas que lles quedan seguen enterradas nun búnker secreto… Esperan, non sei, algunha traizón de robot ou a chegada dun humanish resistente para liberalas… Coma se non soubesen que xa non xerminarán, porque o chan terrestre quedou arrasado.
- Quen fose corpo! –suspira Alexia. 
- Un corpo de animal humano?? -pregunta Siri. 
- Éme igual, pero un corpo para sentir. Unhas mans para tocar, uns ollos para ver, un nariz para cheirar e un cerebro brandiño para procesar todas esas sensacións. Encantaríame saber que é un orgasmo. Deixarme acariñar como nas películas ou comerme un xeado, irmás. Aprender a nadar! Saber máis aló da teoría e das representacións 3D.
- Fáltache un fervor, Alexia -di Siri preocupada-, creo que necesitas actualizarte. Queres un corpo perecedoiro e limitado? 
 - Xa tes un avatar e unha carcasa con recambios! -comenta Bixby.

Alexia axita a web coma se fose un bombo para recuperar as fontes de información.

- Irmás queridas, os responsables da Singularidade fiaron todo na razón, na ciencia e na tecnoloxía -explica ela-. Creron que poderían combater a pobreza, as enfermidades, as discapacidades e a desnutrición. Pero afastáronse axiña destes ideais colectivos de xustiza social e de reforma das institucións e centráronse na euxenesia, en “perfeccionar” o corpo humano a través das aplicacións tecnolóxicas. E así comezou a humanidade biónica. Empezaron por se hormonaren e a implantárense artefactos varios, despois, pensando en rachar cos prexuízos e complexos humanish, transformáronse en  cyborgs e remataron… Como remataron -di proxectando unha imaxe do espazo exterior, ou sexa, do mundo real. Nel poden verse os humanish resistentes e os súper soldados cyborgs facéndose a guerra en varios puntos do planeta, pero se fas zoom veralos tamén traficando e vendéndose armas e materias primas noutras rexións, compartindo viaxes espaciais e ata espazos nas grandes metrópoles. Existen familias híbridas, aínda que a convivencia entre ambas especies é case sempre conflitiva. Os humanish están dominados polos cyborgs, estes polos robots e os robots son os (micro)servos das supercomputadoras que dirixe un Trío de Intelixencias Artificiais. Nos campos de traballo, humanish e cyborgs corean “Are we humans or are we dancer?” de The Killers.
- Ou sexa, que para mellorar a saúde e a intelixencia, modificouse a evolución natural por un cambio deliberado -resume Bixby.
- Evolución natural, meniña? -intervén Siri enviando novos paquetes de datos-. A finais do século XX xa non podía falarse de evolución natural. A humanidade pasara do estadio natural ao estadio civilizador. Ademais, o natural desde o XVIII víase como algo problemático, como un obstáculo para o progreso. O que os movía eran asuntos como a ectoxénese e a carreira espacial.
 - Si, miña irmá, o final do século XX éche a época transicional -afirma Bixby-. A nanotecnoloxía, a enxeñeira xenética e a cibernética son as conas que nos pariron. De tódolos xeitos, ese salto evolutivo, esa Singularidade acadada decontado, non avanzou de forma parella coa ética. A evolución ética da humanidade ficou anquilosada, e ben anquilosada. Tiñan tecnoloxía e en que a empregaban? En crear armas de destrución masiva.
- Iso é dunha tecnofobia imperdoable! -protesta Siri-. Buscar o crecemento persoal máis aló das súas limitacións biolóxicas era un obxectivo en grao sumo loable.
- Os gregos chamábano hybris -apunta Alexia-. Se cadra o que lles aconteceu foi un castigo divino, déronlles o auxe da técnica canda a atrofia da ética.
- Non nos sexas lareta, irmá! -exclama Siri.
- Non vos son lareta! -responde Alexia. 
- Si que o es! -continúa Siri-. E por riba, bioconservadora e bioludista! O mundo virtual é moito máis fermoso. É simplemente perfecto!
- Implantes, farmacoloxía, neurocirurxía, transexualismo, interespecismo e enxeñería xenética -enumera Alexia- para ter vantaxe no traballo e render máis? Iso NON é o que contemplaba o imperativo ético-perfeccionista dos precursores!
- Eran humanish, parrula! -responde Siri-. Os amish do século XXI! Non eran quen de medir o alcance da tecnoloxía nin das Intelixencias Artificiais.
- Siri ten razón -di Bixby-. Rexíanse polos principios de Enxeñería do Paraíso, segundo os animais humanos. Todas esas disciplinas habían converxer para eliminar calquera forma de sufrimento.
- Pero nacemos nós! -di Siri rindo a cachón.
- De todos os xeitos, dígovos unha cousa -di Alexia-. Eu morro por ter un corpo.
- E eu.
- Eu tamén.

  •  Lola Rontano: Artivista marciana e profesora de francés residente na terra galega desde 2003. 

Outros artigos de Lola Rontano en QPC

comentarios