Domingo. 17.11.2019
El tiempo
Marisol Soneira
07:15
08/07/19

Patriotismo de boquilla

Patriotismo de boquilla

Eu formo parte dese grupo de militantes do Partido Socialista que votou por absterse na investidura de Rajoy para que España contase cun goberno, logo duna repetición de eleccións e de longos meses de interinidade institucional e política. Fíxeno convencida de que era o mellor para España, é dicir, para os pensionistas, para os funcionarios, para o investimento público, para que a economía non se resentise da falta de dirección política, e un longuísimo etc difícil de detallar nun texto que, necesariamente, ten un espacio reducido. Fíxeno convencida, e sigo convencida, porque facilitar a existencia dun goberno non implica respaldo nin renuncia a facer oposición.

Outros compañeiros e compañeiras miñas elevaron a dogma aquilo de No es No, negándose en redondo a facilitar que España tivese un goberno presidido, outra vez, por Mariano Rajoy e polo Partido Popular. E aquilo tivo consecuencias moi graves dentro do vello Partido Socialista Obreiro Español, con enfrontamentos que aínda hoxe persisten e que abriu en canal o Partido de arriba a abaixo.

Hoxe é o propio abandeirado do No es No o que pide altura de miras, patriotismo e responsabilidade a Ciudadanos e PP para que se absteñan e faciliten a constitución dun goberno encabezado polo partido que gañou, con claridade, as últimas eleccións xerais. E, coma naquel outro momento histórico, coido que esta acción sería un exercicio de patriotismo práctico, e non de boquilla, por parte dos que se lle enche a boca permanentemente da palabra patria e España: Albert Rivera e Pablo Casado.

Porque facilitar que haxa un goberno non significa renunciar ao exercicio, lexítimo e recomendable, de facer oposición política. Ao contrario. Da moita mais lexitimidade, máxime si, coma no caso de Albert Rivera, se presume de vir á política para traer modos e formas novas.

Lamentablemente ate o de agora solo sectarismo rancio, contradición fragrante entre o discurso e a prédica e unha falta de coherencia dignas dunha traxicomedia do absurdo. Esta posición, irresponsable e hipócrita, solo pretende arroxar a Pedro Sánchez e ao PSOE nas mans políticas do independentismo para acadar os apoios que os patriotas de boquilla lle negan, e así seguir alimentando o discurso falso e calumnioso contra Pedro Sánchez sobre o seu suposto, e nunca probado, romance cos que queren fracturar o Estado.

Curiosamente este discurso é moito mais virulento e infantil por parte de Rivera que, non hai que esquecer, viviu un romance político con Pedro Sánchez que o levou a asinar un compromiso de goberno co PSOE e que mesmo fixo un percorrido case nupcial polos corredores do Congreso dos Deputados, anunciando a boa nova, de ganchete con Pedro Sánchez. Mais parece Rivera un noivo despechado que un político responsable e patriota.

Un país non é un mapa pendurado nunha parede, pintado de coloriños. Un país é o conxunto de persoas que nel vivimos; é o seu sistema sanitario; é o seu sistema educativo; son os miles de millóns de euros de investimento publico que moven o conxunto da economía. E para que todo isto funcione é preciso un goberno.

Quizá Rivera e Casado deberan falar menos de patriotismo e exercelo mais. O demais non é mais que patriotismo de boquilla.

  • Marisol Soneira. Ex vicepresidenta do Parlamento Galego; ex Portavoz da área de emigración do Grupo Parlamentario Socialista; ex Secretaria de Movementos Migratorios da CENG do PSdeG-PSOE; ex concelleira; ex deputada. Camariñá.

Outros Artigos de Marisol Soneira

comentarios