Máis sobre a vergoñenta denominación franquista do colexio público CEIP Eugenio López
Hai agora catro anos, en abril de 2016, con arrecendo republicano, principiei as colaboracións neste dixital Que Pasa Na Costa co artigo intitulado «Os neofranquistas de Cee non queren mudar o nome do colexio público Eugenio López» para denunciar, achegando testemuños das hemerotecas, que un destacado membro da nomenclatura franquista continuaba (e continúa) a servir de denominación do colexio público, sen que as autoridades autonómicas nin tampouco as autoridades locais desen ningún paso para cumprir a Lei da Memoria Histórica e satisfacer unha vella e xusta reivindicación da cidadanía democrática.
En setembro de 2017 este mesmo dixital recollía de novo a nosa demanda no artigo intitulado «Novos testemuños do franquismo de Eugenio López López» e, malia as abrumadoras achegas hemerográficas, nada mudou.
E neste abril de 2020 achegamos aínda máis datos, tirados de Imperio. Diario de Zamora de Falange Española de las JONS, ao tempo que recapitulamos os anteriores para os poñer en orde cronolóxica:
(ano 1957)
O primeiro documento, que xa viu a luz en QPC, data do 13 de xaneiro de 1957 e foi tirado da hemeroteca dixital do diario madrileño ABC, que desde hai algúns anos ofrece acceso libre a toda a súa colección a través desta ligazón: http://hemeroteca.abc.es/. A reprodución correspondía a unha noticia breve intitulada «CONCESIÓN DE CONDECORACIONES» e o seu primeiro parágrafo sinala: «Por un decreto de la Jefatura del Estado, que publicó ayer el Boletín Oficial, se concede la Encomienda sencilla de la Orden Imperial del Yugo y las Flechas a los señores D. Luis Martínez de la Ossa, D. José Aguilar Espinosa, D. Guzmán Zamorano Ruiz, D. Ciríaco Elvira, D. Pedro Godoy, D. Antonio Avendaño Porrúa, D. Antonio Rodríguez, D. Juan Ramírez Filosia, don Leonardo Albert Espí y D. Eugenio López López.»
(ano 1962-1963)
Un novo testemuño que exhumamos hoxe (ver imaxe), tirado de Imperio. Diario de Zamora de Falange Española de las JONS (ano XXVII, nº 8263, 29 de decembro de 1962) que baixo a epígrafe «Nuevos mandos nacionales» publica unha fotografía co seguinte pé: «Eugenio López López, delegado nacional de Juventudes». Neste cargo botou media ducia de anos e na prensa da época pódese rastrexar moita da súa actividade no réxime na Delegación Nacional del Frente de Juventudes, que se trataba dunha sección do partido político «Falange Española Tradicionalista y de las JONS», creada polos franquistas para o recrutamento e adoutrinamento político dos mozos españois segundo os principios do «glorioso Movimiento Nacional».
Un evidente testemuño gráfico, dos moitos que se poderían lembrar, tirado do diario barcelonés La Vanguardia, naquela altura aínda nomeado La Vanguardia española, que tamén ofrece acceso libre a toda a súa colección a través desta ligazón: https://www.lavanguardia.com/hemeroteca. Na súa portada do xoves 8 de agosto de 1963, presentaba a Eugenio López coa súa amada «camisa azul».
(ano 1968)
Nomeamento de Eugenio López como novo «Director General de Enseñanza Primaria», que xa exhumamos accedendo á magnífica hemeroteca Cervantesvirtual ao reproducir a portada da revista Escuela Española , ano XXVIII, Núm 1641, Madrid, 28 de maio de 1968, que debaixo da súa enorme foto detalla o seu currículo:
«En el pasado Consejo de ministros celebrado el miércoles día 22, fue nombrado director general de Enseñanza Primaria don Eugenio López López, actualmente delegado nacional de Juventudes. El nuevo director general nación en Orense en 1921. Es licenciado en Derecho y pertenece a la carrera fiscal. Ha sido gobernador civil y jefe provincial del Movimiento de Cuenca. Es consejero nacional del Movimiento, procurador en Cortes, miembro del Consejo Nacional de Educación, presidente de los Concursos Internacionales de Formación Profesional, miembro del Comité de Educación Extraescolar del Consejo de Europa, delegado de España en la Conferencia Mundial de la Juventud de la Unesco y Director del Instituto de la Juventud. Es autor de varias publicaciones sobre administración local, emigración, sociografía y política».
(ano 1971)
Finalmente, aínda exhumamos outro testemuño documental, do domingo 18 de xullo de 1971, data que conmemoraba o Alzamiento Nacional, ou o que é o mesmo o golpe militar contra a democrática II República, e está extraído do Diario Oficial del Ministerio del Ejército, ano LXXXII, nº 160. (Tomo III, páx. 273-274) que na sección «DECRETOS» sinala:
«En atención a los méritos y circunstancias que concurren en don Eugenio López y López,
Vengo en concederle a propuesta del Ministro del Ejército, la Gran Cruz de la Orden del Mérito Militar, con distintivo blanco.
Así lo dispongo por el presente Decreto, dado en Madrid a diecisiete de julio de mil novecientos setenta y uno.
FRANCISCO FRANCO
El Ministro del Ejército
Juan Castañón de Mena.»
A diacronía é teimuda e as hemerotecas non menten. Toda a vida de Eugenio López López foi de entrega xenerosa e colaboracionismo coa ditadura franquista. Malia isto, o seu nome segue a lixar o nome dun colexio público onde se debería formar e educar en valores democráticos. Ningún cadro orgánico do nazismo de Hitler e do fascismo de Mussolini conta con semellante recoñecemento, porén a Lei da Memoria Histórica segue a ser papel mollado en Cee, nun recuncho da vella Europa.
- Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
Artigos relacionados
Outros artigos de Miro Villar en QPC
- Fisterra e as fisterras na poesía de Luz Pozo Garza.
- Lugar de incendios, no terceiro cabodano do poeta Paco Souto.
- Bazarra, un topónimo singular do noso territorio.
- Lecturas costeiras: Antoloxía de Dombate
- Lecturas costeiras: Vagabundos, solitarios e sentimentais, de Rivadulla Corcón e ilustracións de Correa Corredoira.
- Castelao, Chateaubriand e a cidade corsaria de Sant-Maloù.
- No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente.
- Unha lectura da guía "O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira", do SEMESCOM.
- O mecenado como mostra de amor á Terra: “Perfecto López. Un vimiancés na Galiza ideal”, de Xosé María Rei Lema.
- A depuración do maxisterio da Costa da Morte polas autoridades franquistas.
- As Illas Lobeiras en dous proxectos musicais da Costa da Morte.
- O Monte Corpiño, de Muxía, nun poema de Filomena Dato Muruais datado en 1894.
ARTIGOS SOBRE LÓPEZ ABENTE
- Miro Villar (2019): Esta é noite de Nadal!, un poema de Gonzalo López Abente
- Miro Villa (2019): No centenario da novela curta 'O diputado por Beiramar' (1919), de Gonzalo López Abente
- Miro Villar (2017): Efémeride: No 139 aniversario do natalicio de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2017: «O pino de Corcubión», un poema de Gonzalo López Abente.
- Miro Villar (2011): Unha viaxe pola metonimia galega a través da Bretemada de López Abente.