Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Miro Villar
14:04
27/05/20

Os poemas manuscritos da revista Carnota

(Poemas manuscritos de Darío Xohán Cabana, Antón Avilés de Taramancos, Xosé Luís Méndez Ferrín, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Vázquez Pintor, Lois Diéguez, Xela Arias e Alfonso Pexegueiro, publicados na revista Carnota)

Portada da revista Carnota-2-decembro-1983-01 copia
Portada da revista Carnota do 2 decembro de 1983
Os poemas manuscritos da revista Carnota

A revista Carnota publicouse na década dos oitenta e da miña autoría é a ficha incluída no proxecto do Dicionario da Literatura Galega. Tomo II. Publicacións periódicas (1997), que publicou Galaxia, coa coordinación de Dolores Vilavedra, crítica e profesora de Literatura Galega na USC. Velaquí a miña achega:

CARNOTA

Boletín informativo do Concello de Carnota. O seu número 0 (outubro de 1983) levaba o título de Cornatum, que cambia por Carnota xa no primeiro número, de novembro dese mesmo ano. Deixouse de editar como tal no número 16 (1986), aínda así no ano 1991 fixéronse dúas edicións especiais desta publicación. O coordinador era Xosé Manoel Currás Rúa, agás nos exemplares de 1991 nos que é substituído por X. M. Orodea. Tiña periodicidade mensual, que logo pasou a bimestral, para finalmente saír sen periodicidade fixa e con moita irregularidade. As súas páxinas recollen basicamente información local e municipal, aínda que desde o primeiro número dedica espazo á historia local da man de Barreiro Barral. Habitualmente tiña unha páxina poética onde se reproducía un texto manuscrito dun escritor galego. Nesta sección publicáronse colaboracións de Darío Xohán Cabana, Bernardino Graña, Antón Avilés de Taramancos, Ana Romaní, Xosé Luís Méndez Ferrín, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Vázquez Pintor, Lois Diéguez, X. M. Bello, Xela Arias e Alfonso Pexegueiro. Tamén viron a luz manifestacións populares anónimas como coplas das fiadas, de entroido, moitas delas comentadas por Miro Villar. Artigos de Francisco Rodríguez sobre Rosalía, de Darío Xohán Cabana sobre Castelao, de Francisco Carballo sobre o plebiscito do 28 de xuño de 1936 e outros temas históricos e etnográficos completan as páxinas culturais, nas que hai tamén artigos sobre a normalización do noso idioma, ecoloxía e cómic en galego, ademais de recomendaren un libro ou publicaren unha biobibliografía sobre Cunqueiro no último número.

O PDF que poñemos á vosa dispoñibilidade foi creado a partir da miña colección particular da revista Carnota, incompleta xa que faltan tres números, razón pola que non aparecen os poemas de Bernardino Graña, Ana Romaní e X. M. Bello. Porén, a súa singularidade é obvia porque todos os poemas son manuscritos requiridos polo director da revista, Currás Rúa, aos poetas nomeados. Unha característica que fai da revista Carnota un fito literario de moita consideración.

 

  • Miro Villar, en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Outros artigos de Miro Villar en QPC

ARTIGOS SOBRE LÓPEZ ABENTE

Comentarios