mércores. 30.04.2025
El tiempo

Vimianzo repasa a súa historia a golpe de visitas guiadas

Vimianzo repasa a súa historia a golpe de visitas guiadas
visitas guiadas Vimianzo Historia Viva 2016 "Vimianzo. Historia Viva" é o lema baixo o cal se aglutinan unha serie de visitas guiadas nas que se fará un repaso á historia do municipio vimiancés. Serán todos os sábados de xullo e agosto e  un guía oficial encargarase de descubrir "Cada sábado, unha historia...". O denominador común a todas as rutas é que parten en autobús dende o Castelo de Vimianzo ás 11:30 horas, agás as visitas nocturnas programadas para o 22 de xullo e o 14 de agosto. Ademais, é recomendábel reservar praza no enderezo electrónico visitavimianzo@gmail.com. O próximo sábado, 16 de xullo, arranca este proxecto de visitas guiadas que se enmarca dentro dun programa máis amplo de dinamización turística durante o verán, no que tamén se encadra Castelo Vivo, con representacións teatrais que narran a historia da fortaleza por parte dos Quinquilláns os domingos, ademais da xa clásica Mostra de artesanía ao vivo. vimianzo historia viva 2016 programa visitas guiadas
  • 16 de xullo, "Vimianzo, a vila do castelo". Neste percorrido pola vila, que comeza ás 11:30 horas e que é gratuita, os participantes descubrirán o seu pasado feudal. Testemuña del son os pazos de Trasariz e de Trasouteiro xunto coas casas de Tedín. Durante a ruta tamén se contempla a visita ao Muíño da Agra.
  • 23 de xullo, "O Camiño secreto de Santigo". A igrexa románica de Santiago de Cereixo e a súa singular lenda da Traslatio serán os principais protagonistas deste roteiro no que se descubrirá a historia dunh ruta xacobea esquecida co paso dos anos. A capela da Peregrina da Lagoa, Calo, a ermida de Castrobuxán e Cereixo serán outros dos lugares que se visiten en bus. O custe é de 3€ para os adultos e gratis para os nenos.
  • 30 de xullo, "Do cemiterio megalítico ao romano". Durante este ruta visitaranse os dolmens de Pedra Cuberta, Pedra Moura e Pedra da Lebre para rematar no cemiterio de Tines, lugar no que se atopou a estela de Victorinus, un dos primeiros cristiáns de Galicia. Os nenos viaxarán gratis e os adultos terán que abonar 3 euros.
  • 6 de agosto, "Vimianzo en festas". Durante a primeria fin de semana de agosto, Vimianzo celebra as súas festas de verán, un momento perfecto para achegarse á historia da vila. Desde o seu castelo, baixarase ata a praza da igrexa, centro neurálxico da vida noutro tempo. Tras cruzar o tradicional barrio de Tedín, os participantes chegarán á capela neoclásica e pazo de Trasouteiro. O percorrido pola vila remata no pazo de Trasariz pasando antes polo Muíño da Agra. O roteiro, que comeza ás 11:30 horas, é gratuito.
  • 13 de agosto, "Entre dolmens e castros". Neste roteiro combinarase unha visita ao pasado castrexo de Vimianzo, presente no castro das Barreiras, ata o megalítico. O castro do Altiño, a necrópole de Chan do Cabral e Rabós, a monumental Pedra da Arca e o dolmen singular da Casota de Freáns serán os principais puntos deste roteiro gratuito para os nenos e cun custe de 3€ para os adultos.
  • 20 de agosto, "Petroglifos e lendas ao caer o sol". Cos últimos raios de sol, a visita comeza ás 20:30 horas, os participantes camiñarán uns catro quilómetros para visitar o túmulo megalítico da Arquiña de Vilaseco, a lendaria Pedra do Frade e os petróglifos de Boallo. Un momento perfecto para ver á luz das estrelas e as lanternas os relevos gravados en granito hai miles de anos. Os adultos terán que pagar 3€ e a actividade é de balde para os nenos.
  • 27 de agosto, "O outro medievo de Vimianzo". O románico de Tines e Treos, o gótico dun dos cruceiros máis antigos de Galicia, a historia da cruz milenaria de Serramo e os camiños desde San Bartolo e o Bico dos Xentís dan conta das pegadas que deixou a Idade Media en Vimianzo. O roteiro, que comeza ás 11:30 horas, é de balde para os nenos e os adultos terán que pagar 3€.
  Novas relacionadas

Novas sobre o Parque do Megalitismo

Máis novas arqueolóxicas

Fonte
  • Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
  • Vimianzo
     

Comentarios