Martes. 08.10.2024
El tiempo

A Costa da Morte móllase polo ensino público

A Costa da Morte móllase polo ensino público
Manifestacions en Carballo e Cee contra a LOMCE

24 de outubro de 2013, e coma o pasado 9 de maio, a Costa da Morte viviu unha nova folga histórica de toda a Comunidade Educativa, e asinada por boa parte do mundo da cultura galega. Se ben a incidencia da folga non foi tan masiva como aquel 10 de maio (desta volta secundaron a folga un 42% do profesorado e un 62,5% do alumnado) a unión entre alumn@s, pais e nais e profesor@s, a comunión de toda a comunidade educativa en contra da LOMCE, parece unánime.

Así se patentou nas dúas manifestacións que tiveron lugar nas cabeceiras das comarcas de Fisterra e Bergantiños. Cee e Carballo acollían sendas manifestacións, e malia que non axudou o tempo xa puideron xuntar un millar de persoas berrando o #NONALOMCE.

Foron moitos os compañeiros comprometidos que se pegaron unha boa molladura polo ensino público.

A FEDANPA fai valoración

A Anpa do Uxio na Folga en Cee-Foto-Rafael Quintans

A federación de ANPAs da Costa da Morte, integrada dentro da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, quere expresar a súa "satisfacción polo desenvolvemento das mobilizacións contra a LOMCE e os recortes no ensino público na Costa da Morte. Hoxe confluíron na folga do ensino, o paro convocado polas organizacións estudiantís, profesorado e a solidariedade das epais. Unha folga que afecta a todos os niveis educativos e nos que o paro foi secundado masivamente pola comunidade educativa".

"Unha vez máis", engaden xa que esta é a segunda vez que o ensino esixe de maneira rotunda e unánime a retirada da contrarreforma educativa, "a participación das familias, profesorado e alumnado, nunha mañá de dioivo que empapou os nosos corpos, baleirou as aulas nos centros de ensino público na Costa da Morte contra a LOMCE. Unha lei que está ao servizo da exclusión social e da desigualdade".

Con iso amosan que "as ANPAs da Costa da Morte non imos permanecer caladas unha vez que a LOMCE xa pasou o trámite parlamentario do Congreso e foi enviada ao Senado. Non debemos esquecer que a LOMCE pretende expulsar do ensino a unha boa parte do alumnado (o que teña menos recursos), avanza na confesionalidade e na privatización do ensino e é unha lei profundamente españolizadora , que nega o dereito ao ensino en galego, e mesmo pretende rebaixar a calidade educativa que o alumnado galego está a recibir na actualidade".

Manifestacion contra a LOMCE en Cee-Foto-Fedanpa

Datos do seguemento na Costa da Morte

Ademais, falamos con 21 centros de ensino de todos os Concellos da Costa da Morte para colleitar os datos reais da Folga. Datos, oficiais, que sería moi fáciles de recoller centro por centro para poder facer unha estimación real e oficial da Folga, sen necesidade de ter que escoitar o baile de cifras tan desesperante entre os convocantes e as administracións. I é que se os convocantes (sindicatos, as Anpas e a Plataforma Galega polo Ensino Público) fala de áis dun 80% de seguemento, a Xunta indica que é dun 26%.

Falando coas direccións, notamos a real importancia do seguemento do profesorado para que a folga teña verdadeira incidencia. Así, en moitos centros nos que os profesores foron a clase, os pais tamén enviaron aos seus fillos á clase, mentres nos que a folga foi masiva en canto a profesorado, os alumnos non acodiron en masa. Así e todo, vemos que o alumnado parece o máis comprometido con esta loita.

Notamos tamén que nos centros pequenos, e da zonas máis rurais, a incidencia segue a ser menor. Vemos que os centros de primaria Mazaricos e Corme apenas se notou a folga. Sen embargo, o sempre combativo CEIP Areouta de Sardiñeiro non recibiu un só neno e só foron ao colexio os mestres dos servizos mínimos.

Estes son os datos, reais, que nos ofreceron as direccións dos centros de ensino da bisbarra.

CentroProfesorado que secundou a folgaAlumnado que secundou a folga
IES Fin do Camiño de Fisterra44%73%
IES Ramón Caamaño de Muxía50%50%
IES de Ponteceso de Ponteceso30%76%
IES Terra de Soneira de Vimianzo45%75%
IES Maximino Romero de Lema de Baio50%95%
IES Urbano Lugrís de Malpica30%85%
IES Pedra da Aguia de Ponte do Porto50%50%
IES Alfredo Brañas de Carballo35%85%
IES Lamas de Castelo de Carnota24%42%
IES Agra de Raíces de Cee36%91%
IES Fernando Blanco de Cee28%49%
IES Fontexeria de Muros50%80%
CEIP Eugenio López de Cee40%33%
CEIP As Forcadas de Corme0%0%
CEIP Eduardo Pondal de Ponteceso38% 74%
CEIP Areouta de Sardiñeiro100%100%
CEIP de Pino de Val de Mazaricos0%0%
CEIP Praia de Quenxe de Corcubión14%22%
CPI As Revoltas de Cabana50%58%
CEIP Santa Eulalia de Dumbría72%67%
CPI Cabo da Area de Laxe62%87%
CEIP dos Muíños, Muxía72%85%
TOTAL Costa da Morte42%62.5%

As acusacións ao Ministro Wert

Manifestacion contra a LOMCE en Carballo -Foto-Fedanpa

En nome do profesorado, das nais e pais e do alumnado galego, a Plataforma envía en estas acusacións:

  • Acusamos ao ministro e o conselleiro de promover unha lei uniformizadora e españolizadora.
    Acusamos ao ministro e o conselleiro de inimigo da cultura e do idioma galego.
  • Acusamos ao ministro e o conselleiro de promover o descoñecemento e de prohibir o ensino en galego.
    Acusamos ao ministro e o conselleiro de impedir o estudo da nosa historia e da nosa cultura, de todo o que nos conforma como pobo.
  • Acusamos o ministro e o conselleiro de liquidar a xestión democrática dos centros.
    Acuso o ministro e o conselleiro de impor as direccións e concentrar todas as competencias nas mesmas subtraéndollelas ao consello escolar e ao claustro de profesores/as.
  • Acusamos ao ministro e o conselleiro de desautorizar, desconsiderar e desprezar o noso traballo como docentes.
    Acusamos ao ministro e o conselleiro de eliminar a liberdade de cátedra.
  • Acusamos ao ministro e o conselleiro de prácticas clientelares para fixar os cadros de persoal dos centros e para nomear o profesorado interino.
    Acusamos ao ministro e o conselleiro de elaborar unha lei ao servizo do ensino privado concertado e PARA ampliar os concertos.
  • Acusamos ao ministro e o conselleiro de recuperar as reválidas franquistas para conseguir os títulos de ESO e Bacharelato.
    Acusamos ao ministro e o conselleiro de adoutrinamento relixioso e de reforzar a confesionalidade no ensino.
  • Acusamos ao ministro e o conselleiro de elaborar un lei segundo os ditados do Opus Dei.
    Acusamos ao ministro e o conselleiro de repudiar a coeducación e subvencionar totalmente os centros que segregan alumnado por razón de xénero.
  • Acusamos ao ministro e o conselleiro de ordenar a educación baixo os criterios da lei do mercado para destruír o emprego, empeorar a calidade do ensino e destinar máis diñeiro ao ensino privado.
    Acusamos ao ministro e o conselleiro porque a LOMCE amplía os concertos educativos e promove centros de elite, mediante a selección do alumnado.
  • Acusamos o ministro e o conselleiro de vetar o dereito á educación dos fillos e fillas das clases populares.
    Acusamos ao ministro e o conselleiro de promover unha lei que comporta exclusión social, maior desigualdade e un ensino menos inclusivo e menos equitativo. Unha lei retrógrada e da dereita máis extrema.
  • Acusamos ao ministro e o conselleiro porque a LOMCE é unha lei clasista, españolizadora, reaccionaria, antidemocrática e confesional. Unha lei que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos.

A loita en música

E deixamos un par de temazos realizados para a ocasión:


Novas relacionadas

Máis novas sobre a loita contra a LOMCE

Fonte

Comentarios