Íntegro animou aos alumnos de Baio a sacarse o Pasaporte Solidario
De voluntarios sabemos, e moito na Costa da Morte. E se pensamos en voluntarios pensamos en Prestige, non cabe dúbida, en todos eses voluntarios que cambiaron de cor a Costa da Morte. Pero son máis cousas, e máis cotiás, ás que fan do voluntariado un auténtico motor na bisbarra, e un gran exemplo é a xente que hai arredor das entidades como Aspadex ou Íntegro.
Hoxe, con motivo da conmemoración do Día Internacional do Voluntariado, achegámonos coa familia de Íntegro ata o IES Maximino Romero de Lema, en Baio, no concello de Zas, para expoñer ante o alumnado de 1º e 2º da ESO en que consiste a acción voluntaria.
Durante a xornada informouse sobre o feito de que este ano a ONU, no marco da celebración de este día, propón facer unha mención especial ao voluntariado realizado polas mozas e os mozos do mundo, rendendo tributo ao labor que fan en prol da paz mundial e do desenvolvemento sostible, xa que mozas e mozos son o motor de cambio das súas comunidades.
A xornada centrouse en animar ao alumnado a participar de xeito voluntario con entidades con fins sociais de todo tipo: cultural, deportiva, ONG, do xeito que prefiran: persoalmente, en grupo ou a través do voluntariado tecnolóxico, deste último xeito pódese colaborar, a través das redes sociais na difusión das accións voluntarias que se levan a cabo. Fíxose tamén especial fincapé no agradecida que debe estar a Costa da Morte á labor voluntaria de milleiros de persoas que se achegaron ata aquí nos grandes desastres medio ambientais que sufrimos: Prestige, Monte Pindo... e como, nestes casos, a administración non encontra culpables que paguen por ditas traxedias quedando estas nas mans da cidadanía, que aporta o seu tempo, recursos, e incluso a súa saúde para buscar unha solución ou paliar as consecuencias.
No centro propúxose un primeiro achegamento ao voluntariado a través do Pasaporte Solidario, emitido pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Con esta iniciativa alumnas e alumnos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria, e de toda a Educación Secundaria Obrigatoria, achéganse ao labor voluntario en diferentes ámbitos, e obteñen un recoñecemento que pode converterse no inicio de colaboracións voluntarias nas que participen durante toda a súa vida.
Ao final do relatorio algunhas alumnas e alumnos xa manifestaron interés por adherirse á proposta o que xerou un gran sentimento de satisfacción tanto no equipo docente do centro como entre o persoal voluntario de INTEGRO que ata alí se desprazou.
Novas relacionadas
- “A completa cidadanía das persoas con diversidade funcional pasar pola normalización familiar, educativa e laboral”.
- Os usuarios de Íntegro disfrutaron dunhas semanas de vertixe.
- Unha tarde en Camariñas cos artesáns e regatistas de Íntegro.
- 55 usuarios de Íntegro clausuraron un ano de accións formativas.
- O Ponteceso FSF pecha un ano moi Íntegro.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).
- Información de Íntegro da man de María Paz.