Íntegro celebra este sábado a Gala de peche do 30 aniversario

Está a ser este 2022 un ano tremendamente especial para a Asociación Íntegro. Inmersa en mil proxectos de inclusión, arrincaba en febreiro o seu 30 aniversario cunha gran festa, en agosto abría as súas portas para seguir celebrándoo, e este sábado 12 de novembro, organiza unha Gala para poñer o broche de ouro a tres décadas de historia.
A partir das 11:00h, o auditorio municipal de Cabana, recibirá a numerosas autoridades, nun acto conmemorativo, que estará cargado de simbolismo, emotividade e recoñecementos. Membros da directiva, traballadores/as, patrocinadores, socios/as, usuarias/os e familias seráns os grandes protagonistas da cita, contando esas historias de vida que deixaron unha profunda pegada na comarca.

Entrega de galardóns
Tras a recepción de convidados, aos que se agasallará cun obsequio conmemorativo elaborado polos usuarios/as do centro, a xornada arrincará cun concerto a cargo do alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Carballo (CMUS). De seguido, abrirase a quenda de intervencións e entrega de galardóns aos representantes institucionais.
A entidade quere recoñecer ademais o gran labor desempeñado polo persoal sanitario e sociosanitario durante a pandemia e, especialmente, pola súa implicación directa coas persoas con diversidade funcional. Nesta categoría, serán galardoadas: María Verdes- enfermeira, socia e membro da entidade desde os seus inicios- en representación de todo o persoal sanitario; Vanesa- asistente persoal e profesional sociosanitaria- en nome dos traballadores/as de atención sociosanitaria, e Carmen Villanueva, unha das primeiras traballadoras de Íntegro, veciña de Nantón e na actualidade voluntaria da asociación. O recoñecemento empresarial recaerá en José Ramón Pombo Imia -de Autocares J.Pombo- por ser un dos colaboradores máis antigos da entidade, que aposta inclusión laboral das persoas con discapacidade.
Durante a gala, usuarios e usuarias de Íntegro protagonizarán un recital poético baseado nun poema que eles/as mesmos/as elaboraron. Finalmente, a música do CMUS de Carballo porá o punto e final á gala conmemorativa. A xornada rematará cun ágape que se servirá na Escola de Vela de Cabana.
Por problemas de aforo, a asistencia ao evento só será posible previo convite.
Novas relacionadas
- Outubro 22: Os colectores de Diversiplás espállanse por confrarías, concellos e entidades do mar.
- Os contedores de Diversiplás xa están en toda a Costa da Morte.
- Agosto 22: Íntegro volveu celebrar o seu 30º aniversario cunha xornada de portas abertas.
- Xullo 22: A torreira do Vilán e a Asociación Íntegro recibirán as Medallas Emilia Pardo Bazán.
- Xuño 22: Íntegro xa pode reciclar plástico a través do proxecto Diversiplás.
- Febreiro 22: Íntegro celebra o seu 30 aniversario cun ano completo de actividades e inclusión.