Luns. 30.11.2020
El tiempo

Recunchos da Costa: O Pozo da Orca

Recunchos da Costa: O Pozo da Orca

No medio dos campos de millo e colitros da zona da Mata e Folgoso, na parroquia de Rioboo, Cabana de Bergantiños, atopamos un pequeno bosque de ribeira aderezado cunha fermosa fervenza. O Pozo da Orca, un salto duns 5 metros do río de Folgoso (ou Rego da Barcia), é un verdadeiro oasis de vexetación, un lugar cheo de maxia, que permite un picnic e un bañito familiar.

Sitúase entre a capeliña de Folgoso e Soutochán, no marco dunha ruta R-2, algo descoidada pero accesible para todas as idades. Para chegarmos podemos facelo dende o lugar de Folgoso, que atravesaremos como se fosemos para a capela. Despois da última casa viramos á esquerda seguindo a pista asfaltada, e hai que coller de contado, a apenas 10 metros, unha especie de camiño (non parece camiño) á dereita, a carón dun herbal, seguindo a liña eléctrica.

O camiño comeza a descender polo medio dun eucaliptal, e uns 10 minutos despois hai un cruce sinalizado con R-2 que temos que coller para a esquerda (para a dereita segue a ruta cara Soutochán). Entre acacias e eucaliptos seguimos andando sempre cara abaixo e dereita, ata que comezamos a sumerxirnos nun denso bosque de ribeira, cheo de bidueiros, ameneiros, castiñeiros, carballos e fieitos.

Preto do final do camiño (darédevos conta se vos pasades) hai que coller un desvío á esquerda. O son da fervenza xa nos guía. A entrada é particularmente espectacular, porque o tesouro agóchase tras unhas árbores caídas que tapan as vistas e obrigan a entrar coma se fose unha cova. Ao pasar esa zona a estampa é fermosísima.

POzo da Orca-Recuncho de Cabana de Bergantinos

AS LENDAS

X.L. Otero Cebral ten recollido varias lendas arredor do Pozo da Orca. A primeira recólleo o lugar como “burato”, sendo un “ollo de mar”. Contan que en certa ocasión un crego quixo saber da súa fondura e que para isto empregou doce pezas de adival do que colgaba unha pedra e que a ceibou neste ollo de auga e din os máis vellos que non deu tocado fondo o adival e mesmo nos fan saber tamén que non saben de ninguén que llo dera atopado, conta Otero.

Conta tamén que este era o lugar onde aforcaban os prisioneiros e os axusticiados que ben podían provir da cadea da fortaleza da Penela ou doutras cadeas do lugar

Outra historia é que no no fondo do pozo atópase unha valiosa grade de ouro quen ninguén deu atopado aínda.

A máis fermosa é que conta que a igrexa de Riobó e o pozo da Forca están unidos por unha enorme viga de ouro. En Riobó ninguén tentou á sorte para así non perder nunca ese seu encanto dourado que abrillanta e estrelece a súa terra.

Pozo da Orca-Cabana

Como chegar

 

RECUNCHOS DA COSTA

comentarios