O PP de Camariñas leva ó pleno a situación do SAF, Aldea Madeira e o abandono do lugar do Allo
Este venres hai pleno en Camariñas, e o PP vai levar varios asuntos de actualidade. Xa hai un mes identificaba o abandono do complexo formativo de Aldea Madeira e o símbolo do desinterese e desgoberno do PSOE camariñán. Este venres o grupo da oposición preguntará polas características dos pregos que “teoricamente” estaban rematados e que medidas se van a adoptar neste espazo.
Outro dos puntos quentes da actualidade camariñá, que segue sen consenso, é o servizo de axuda no fogar. Hai apenas un mes as traballadoras saían á rúa para protestar polas súas condicións provocando diferentes reaccións nos partidos políticos.
Serán algunhas das cuestións que os populares trasladarán ao pleno deste vindeiro venres. A voceira popular Paula Mouzo preguntará se o goberno fixo algunha xestión para dar solución á problemática das traballadoras do SAF e cando ten previsto licitar o servizo.
O Allo
A voceira e os concelleiros Juan Carlos Amado e Manuel Mejuto visitaron o lugar do Allo, na parroquia da Ponte do Porto, para recoller as inquedanzas veciñais. “As vías de comunicación interiores do Allo presentan un estado de deterioro importante e pedimos ao goberno local que teña en conta a nosa petición e planifique unha mellora” sinalan os populares. Piden tamén melloras nas farolas, arquetas... lembrando que polo lugar pasa o Camiño dos Faros.
“O lugar do Allo ou o SAF son exemplos da falta de xestión do PSOE de Camariñas que vai a remolque, pero Aldea Madeira xa é o colmo da falta de ideas dun goberno esgotado”, conclúe Mouzo na previa.
Máis novas