Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Arrinca un Carballo Interplay cheo de humor, compromiso e talento galego

Taller Kamikaze do Carballo Interplay
Algunhas das protagonistas do Taller Kamikaze na presentación do Carballo Interplay
Arrinca un Carballo Interplay cheo de humor, compromiso e talento galego

Sen tempo a dixerir a presentación do FIOT, Carballo volve colocarse no centro mapa da creatividade e o talento co comezo da nova edición do festival Carballo Interplay. A cita dos Contidos Dixitais máis importante da península arrincaba onte coa estrea de Influenza, Lusque fusque e Unha viaxe da hostia, os tres "Dinosaurios" realizados a semana pasada no Taller Kamikaze.

A primeira sesión, a do xoves 9, será o primeiro encontro transversal do talento galego online, con creadoras e creadores de series web do pasado, do presente e do futuro, podcasts, Youtube, Tik Tok, Twitter e Twitch.
A vimiancesa Alba Mancebo e Esther Estévez, as caras que mellor representan a renovación da TVG, serán as que dirixan a mesa "Masters da internet”.
O acceso ás actividades do festival é gratuíto, previa retirada de entrada, e poderá verse en streaming a través das canles de Youtube, Facebook e Twitch do Interplay.

Presentacion oficial do Carballo Interlay
Foto oficial da presentación do Interplay

Series

Tamén hoxe xoves, a partir das 13:30h toman o mando as series en galego. A actividade “Café con CREA” organizado pola asociación de realizadores e realizadoras de Galicia e protagonizado polas creadoras de e creadores de proxectos fundamentais no panorama das series web en Galicia: Sonia Mendez (Angélica y Roberta), Irene Pin (Amnesia 3.0), Javi Camino (El viudo quiere mimos), Óscar Cruz (colectivo Porco Bravú) ou Lucía Estévez (Xan), que moderará o debate. Tamén participarán na conversa Sandra Lesta, David Fidalgo, Jorge Boquete, Miguel Canalejo ou Pedro Brandariz. E, ás 17h00, proxectaránse as series web en galego que compiten na Sección Oficial do Carballo Interplay -Arrieiros Somos, Mataría MicroSerie, Pandemials e Dúo Vaguedades- coa presenza das súas creadoras e creadores.

Pero ademais de amosar, o Interplay tamén fomenta a creación en galego, e de aí o premio ao proxecto de serie en lingua galega que ofrece 3000 euros para a creación dos tres primeiros capítulos.
O gañador da pasada edición do festival foi David Fidalgo, que volve ao Carballo Interplay para amosar -xoves ás 21h00- os tres primeiros capítulos, o teaser da serie completa e parte do making of de Cacola, unha webserie de animación 2D dixital cunha estética cartoon con cores planas, animacións irreais e historias autoconclusivas cun ton de comedia absurda na que todo pode pasar.

Este ano competirán polo galardón catro comedias con distintos graos de acidez e propostas estéticas ben alonxadas. As súas creadoras e creadores participarán no Pitching que terá lugar ás 19h00 no Auditorio do Pazo de Carballo, cando terán 10 minutos para defender o a súa proposta perante un xurado composto por Xose Regueira (Concelleiro de Turismo e Promoción Económica de Carballo), Lucía Estévez (directora), Javi Camino (director) e Andrea Villa (Directora de actividades do Carballo Interplay). A serie gañadora estrearase na vindeira edición do Festival.

Novas relacionadas

Comentarios