O Certame Fotográfico “Xosé Manuel Eirís” viaxa a Castellón pero tamén queda en Carballo
Xa hai gañadores da 28ª edición do Certame Fotográfico “Xosé Manuel Eirís”.
O Primeiro Premio (1.500 €) foi para o prestixioso fotógrafo castellonenco Xavier Ferrer Chust, pola súa obra Gasolinera en Armagossa.
O Segundo Premio (750 €) recaeu no carballés José Manuel Pérez Pena pola fotografía Amencer. O de Sísamo repite éxito en Carballo, tras ser galardoado no 2024 co Premio Especial Carballo.
O Premio Especial Carballo (500 €), patrocinado por Interfilm Carballo para a mellor obra referida ao municipio, foi para Dmytro Yaroshevskyi pola imaxe titulada La ansiedad.
E finalmente, o Accésit (300 €), foi concedido a Miguel Ángel Vijande Cea pola súa peza Roxanne.
Estes foron os galardóns escollidos polo xurado, que estivo presidido pola concelleira de Cultura, Maruxa Suárez Cotelo, e composto por profesionais de recoñecido prestixio como Ángel Cordero, Patricia Gago, María Meseguer e Héctor Manuel Rodríguez Tuset, ademais de Ánxela Criado, en representación do movemento asociativo carballés, e da técnica de Cultura do Concello de Carballo, Carmen Castro, en calidade de secretaria.
Entrega e exposición
O Concello de Carballo convida a toda a cidadanía ao acto de entrega de galardóns, que terá lugar o vindeiro mércores 6 de maio ás 20:00 h no andar –1 do Pazo da Cultura. Nese mesmo acto quedará inaugurada a exposición que recolle as obras premiadas e unha selección das mellores fotografías presentadas nesta edición, que reflicten a alta calidade técnica e a diversidade creativa que caracteriza ao certame.









