A familia do Casino1889 mobiliza á sociedade carballesa cunha xuntanza e a invitación ao pleno
O próximo luns 24 de novembro, hai pleno en Carballo e o PSOE local presentará unha moción para incluir o edificio do Casino no Catálogo do PXOM, coa intención de protexelo urbanísticamente.
Non tardou a familia do Sociedade Recreativa e Cultural Bergantiños Casino1889 en mobilizarse, e animar á veciñanza á achegarse ao pleno para facer presión.
Pero antes, a entidade convoca unha xuntanza aberta para este venres 21, ás 21:00 horas, no propio Casino para trasladarlle á veciñanza toda a información recollida dende que fixeron as solicitudes de protección a Concello e Xunta de Galicia: Xuntanzas con representantes do Concello, informes da Xunta e técnicos municipais, alegacións da propiedade, documentación atopada recentemente que achega información importante ás nosas solicitudes, a diferencia entre aquela declaración institucional aprobada polo Concello de Carballo no lonxano 2017 e a moción que agora se presenta a pleno, como será a asistencia ó mesmo do público interesado e, por suposto, atender tódalas vosas dúbidas.
A familia do Casino ten claro o ”interese social por conservar o Casino abrangue á maioría social a maiores das socias, o mesmo que a antigua igrexa, tristemente derrubada, trascendía ó interese exclusivo dos seus feligreses”. E así o refrenda as case 3.000 sinaturas recollidas, así como aquel espíritu do 2018 no que a participación das persoas non socias foi decisiva para acadar máis de 70.000 € nunha semana e poder interpor a demanda de retracto.
HISTORIAL SOBRE O XUÍZO DO CASINO
- Novembro 25: O PSOE propón incluír o edificio do Casino1889 no Catálogo de Protección do PXOM.
- Abril 23: Carballo volve a unirse para salvar o Casino e apelar unha sentenza que consideran "pouco rigorosa"
- Marzo 23:A Asociación Casino 1889 afronta combativa a senteza xudicial sobre o edificio
- Xullo 22: O Xuízo do Casino, visto para sentenza.
- Xullo 22: O Xuízo do Casino1889: “Temos a sensación de que seguramente non vai ser o final disto”.
- Marzo 2022: O Xuízo que decidirá o futuro do Casino adíase ao 12 de xullo.
- 04-03-222: Un maratón de actividades para #SalvaroCasino.
- 28-02-022: A presión inmobiliaria ameaza o emblemático Casino de Carballo.
- Febreiro 2022: Un mes para salvar o Casino.
- Abril 2020: O xuízo pola propiedade do Casino 1889 terá que agardar.
- Marzo 2020: Xa hai data para o xuízo do edificio do Casino: “Contamos coa baza social para vencer á especulación”.
- Febreiro 19: O Casino 1889 quere recuperar o seu mítico bar e afía armas para o xuízo pola propiedade.
- Setembro 18: A “Xente Bonita” salva o Casino
- Agosto 18: Os socios e colaboradores salvarán o Casino cos seus microcréditos.
- Outubro 18: O Casino de Carballo, ou como a cultura pode ser pasto da especulación