Un mes para salvar o Casino
Non para o Casino1889. Xa é un dos grandes referentes culturais de Bergantiños e da Costa da Morte, gracias á organización continua de actividades. Pero o futuro do espazo segue pendente dun fío. Máis ben, pendente do Xulgado. O vindeiro mes de marzo celebrarase o xuízo que decidirá o futuro dun dos edificios máis icónicos de Carballo. Tras ser adiado pola pandemia, o grupo de dinamizadores que o coida segue confiando na “baza social para vencer á especulación”.
Cómpre facer un repaso da situación histórica do Casino1889. O centenario edificio foi xa epicentro cultural durante boa parte do século XX. Foi en 2018 cando unha renovada directiva o recuperaba para a vida social carballesa e, dende esa, non parou de acoller e organizar eventos.
Todo saltou polos aires cando en agosto dese mesmo 2018, a venda do edificio e a intención de facer unha promoción inobiliaria puñan en perigo case 130 anos de fervedoiro cultural.
A directiva comezou a mobilizarse, cando descubriu a cantidade pola que se tiña escriturado a venda do inmoble, sen que constase comunicación da mesma á Asociación, para que esta, como arrendataria, puidese exercer o dereito de retracto que lle correspondía. Comezou así nha campaña para conseguir os fondos para facerse co edificio. 70.000€ era a cantidade e máis de 70.000€ xuntaron gracias aos microcréditos de ducias de persoas, a Xente Bonita de Carballo.
Enorme foi a sorpresa, cando a Asociación recibiu un segundo burofax no que se aseguraba que o importe que figuraba na escritura de compra se debía a un “erro”, e que o prezo do inmoble era, en realidade, de 360.000€. Non se achegou ningún xustificante de pago que validase este feito, como así advertiu o propio notario. Todo isto deu lugar a un litixio xudicial, cuxa tramitación se foi retrasando por causa da pandemia da Covid-19, pero que está por fin a piques de celebrarse.
Agora, toca focalizar esforzos no vindeiro 8 de marzo, data do xuízo no Xulgado de Primeira Instancia no 1 de Carballo, na que se decidirá o futuro do Casino 1889. Por iso, a directiva lanza a campaña “Salva o Casino”, para que sexa a sociedade a que venza á especulación a base concienciar á veciñanza do valor histórico e cultural do Casino.
Agora, cando comeza a conta atrás, o Casino abre as portas a todo o mundo que queira achegar ou axudar de calquera forma, para salvar un dos corazóns culturais da vila.
Novas sobre o xuízo do Casino
- Abril 2020: O xuízo pola propiedade do Casino 1889 terá que agardar.
- Marzo 2020: Xa hai data para o xuízo do edificio do Casino: “Contamos coa baza social para vencer á especulación”.
- Febreiro 19: O Casino 1889 quere recuperar o seu mítico bar e afía armas para o xuízo pola propiedade.
- Setembro 18: A “Xente Bonita” salva o Casino
- Agosto 18: Os socios e colaboradores salvarán o Casino cos seus microcréditos.
- Outubro 18: O Casino de Carballo, ou como a cultura pode ser pasto da especulación
- Abril 18: O Casino renace coas portas máis abertas que nunca.