Lumieira expande a riqueza dos cogumelos entre as familias
Marchou a borrasca Aline e pareceu que o fixo pola xornada micolóxica que a AC Lumieira e o Concello de Carballo organizou o sábado pola mañá en A Telleira, Artes. Un fermoso souto situado xusto enriba do Restaurante Asados Gonzaba e do circuito de motor La Base, recibía a visita dunha vintena de familias que querían disfrutar do monte e aprender algo de micoloxía.
Se o ano pasado funcionaron moi ben, este ano as Xornadas de Lumieira son toda unha potencia, cun mes de saídas. A do pasado sábado era específica para familias Tomás Rodríguez Parrulo foi o encargado de trasladar a súa paixón ás criaturas. Con amor, paciencia, mestría e dilixencia soubo ir explicando durante hora e media as preguntas e as dúbidas que cada cativo, e familiar, tiña arredor dos cogumelos que ían atopando.
Ao remate da escapada, xa cun chocolatiño quente e uns biscoitos riquísimos, Tomás fixo unha exposición cos cogumelos atopados no souto e algunha sorpresa que traía da casa.
Para rematar a xornada matutina, Brais Moure demostrou que é posible recoller o relevo e o legado dun dos contacontos máis veteranos do país, como é Anxo Moure. O lucense trouxo o seu conto "Unha árbore na maleta" e se convertiu en mouro para levar ás crianzas de viaxe polos bosques galegos, tamén coa súa guitarra.
Degustación no Fórum
As xornadas incluían unha degustación paralela con Miguel Silvarredonda no Forum Carballo. Abraiadas quedaron as participantes nesta sesión na que puideron degustar 5 pratiños verdadeiramente exquisitos e mesmo un postre.