Sábado. 12.10.2024
El tiempo

Mañá comeza a folga indefinida da recollida do lixo en Carballo

Mañá comeza a folga indefinida da recollida do lixo en Carballo

Mañá domingo, ás 22:30 horas, os traballadores e as traballadoras da recollida do lixo do concello de Carballo entrarán en folga indefinida ao non chegarse a un acordo na negociación do convenio colectivo e ante a negativa da empresa concesionaria (unha UTE integrada por Urbaser e Servizos Gallegos de Lacería) a presentar unha proposta económica que permita dignificar os salarios e as condicións laborais. Así o indica a CIG - Confederación Intersindical Galega - nun comunicado de prensa.

Segundo indican, a asemblea de persoal, diante da última oferta da UTE Carballo, acordou seguir adiante co calendario estabelecido e, polo tanto, dar inicio á folga indefinida e intensificar as mobilizacións a partir mañá domingo.  As xornadas de folga afectarán a todas as quendas en todas as franxas horarias de prestación do servizo, tanto na recollida, no punto limpo e na canceira, como nas oficinas.

“Non nos queda outra saída que continuar coa folga indefinidamente”, valora o persoal. Denuncian a ausencia de propostas mellores en materia económica por parte da UTE Carballo, até o punto de que “a última, achegada nestas últimas semanas, é incluso peor que as anteriores".

Despois de 28 xornadas de folga, a empresa presenta unhas táboas que o conxunto do persoal considera ofensivas, nas que practicamente os salarios do 2024 non medran, agás un raquítico 0,75% de media. Deste xeito, para un peón de día o incremento sería dun 0,15%, é dicir, 2€ ao mes. Ademais, na súa oferta, a concesionaria do servizo nin sequera contempla pagar os atrasos dende xaneiro, senón que só terían carácter retroactivo a xuño.

Comentarios