Modesto Fraga achega a súa poesía a Carballo
O sábado, 14 de maio, ás 12:00 h., terá lugar na sede de Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34) unha sesión do seu Clube de Lectura que terá como centro de análise e consideración o libro de poemas “Devalar sen pel”, do poeta e escritor fisterrán Modesto Fraga, obra que recibiu o XIX Premio de Poesía Concello de Carral no ano 2016.
Modesto Fraga, que estará presente na sesión e participará como autor convidado, formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte e é autor de 8 libros de poemas. Recibiu, entre outros, os premios de poesía Avelina Valladares, Francisco Añón e Concello de Vilalba, e é tamén autor do ensaio “Fisterra, a derradeira perla de occidente”.
O Clube de Lectura de Espiral Maior Foro conta na actualidade con máis de 20 persoas inscritas e está aberto a novas incorporacións, facendo real, a través do exercicio da lectura, a frase constitutiva de Gustave Flaubert, que se converte en lema do clube de lectura carballés: “Ler para vivir”.
As persoas interesadas en participar poden comunicalo a través do número de teléfono 628 690 573 ou no propio local da entidade.
Novas relacionadas
- 2019: Modesto Fraga, “o poeta do amor”, presentou na casa a súa nova antoloxía bilingüe
- 2017: Modesto Fraga embriagouse de fisterranía coa presentación de “Devalar sen pel”