Domingo. 03.11.2024
El tiempo

O primeiro Parque Natural galego non será o Monte Pindo

O primeiro Parque Natural galego non será o Monte Pindo
A Directora Xeral de Conservacion plantou a AMonte Pindo Parque Natural

O día de onte puido ter sido un día importante para a calificación do Monte Pindo como Parque Natural. O edificio da Consellería de Medio Ambiente en San Lázaro acollía unha reunión importante de varias entidades relacionadas co Olimpo Celta e a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado Barcia. Unha cita que tiña como obxectivo pedirlle á Xunta de Galicia que movera peza e iniciara dunha vez por todas a tramitación do primeiro Parque Natural da Costa da Morte case dous anos despois da última reunión mantida co propio Conselleiro Agustín Hernández.
Malia que a comitiva costeira partía con esperanzas, o resultado, segundo sinalan, "a boa sintonía tiña como única pretensión era a de quitarse de enriba aos veciños que lle pedían desde hai tres anos que actuara ante a ameaza acuciante á que estaba submetido o Monte Pindo polo seu estado evidente de abandono, o que finalmente provocou que o pasado mes de setembro un incendio intencionado arrasara por completo cos seus valores naturais".

"Non sería o Monte Pindo"

Segundo a entidade "a actitude da nova directora xeral foi aínda peor que a dos seus antecesores: pechounos a porta nas narices, cunha pasividade e total falta de interese polo Olimpo Celta que nunca antes demostrara tan abertamente ningún alto mandatario da Xunta, pois cando menos trataban de simular interese e preocupación polo devir dun dos espazos naturais galegos máis valiosos e coñecidos".
Clara foi a resposta da Directora, chegando a afirmar que aínda que tivera na súa man a aprobación dun espazo natural nesta lexislatura, "non sería o Monte Pindo", así como que o Olimpo Celta "non está entre as miñas prioridades".

Mobilización costeira

Cómpre destacar a ilusión coa que chegaba a comitiva á reunión. Unha comitiva completa ademais, formada por Xil Caamaño (presidente da AMPPN), Ramón Noceda (alcalde de Carnota), Xoán Ramón Vidal Romaní (presidente do Instituto Universitario de Xeoloxía), Javier Amigo (profesor de Botánica da USC) e Fins Eirexas (secretario executivo de ADEGA), e coas ausencias a última hora de Serafín González (presidente da Sociedade Galega de Historia Natural) e de César Cambeiro (Comunidade de Montes Veciñais de Caldebarcos) por motivos laborais.

A pesar da resposta, aseguran que continuarán "obrando baixo os valores da autoorganización, a mobilización e, de ser necesario, a desobediencia". E seguen convencidos dos "beneficios para todos os veciños dunha figura de protección que no estado español supón a creación dunha media de 11 postos de traballo directos por parque e 26 euros de investimento anual por hectárea (2.2 millóns de euros a repartir entre os 6 parques naturais galegos en 2013)".

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios