Luns. 06.05.2024
El tiempo

Árbores do CSIC para repoboar o Monte Pindo ao tempo que os escolares acoden ao berro SOS

Árbores do CSIC para repoboar o Monte Pindo ao tempo que os escolares acoden ao berro SOS
Arbores do CSIC para o Monte PIndo

Xa temos árbores, pequenas árbores, para repoboar o Olimpo Celta. A Asociación Monte Pindo Parque Natural e o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (IIAG), dependente do Consejo Superiores de Investigaciones Científicas (CSIC), acaban de asinar esta mañá un Convenio polo cal ambas partes comprométense a colaborar mutuamente nos seus proxectos en marcha e futuros.

Así, o IIAG-CSIC proporcionará ao proxecto SOS Monte Pindo árbores autóctonas coma ameneiros, carballos e castiñeiros certificados xeneticamente e que forman parte do seu Banco de Xermoplasma, un banco de sementes no cal conservan xenotipos extraídos de árbores senlleiras e representativas do noso país, co gallo de poder reproducilas no futuro cantas veces sexa necesario. Por outra parte, o IIAG-CSIC proporcionará asesoramento á Asociación Monte Pindo no proxecto de repoboación.

Esta fin de semana o Monte Pindo beneficiarase por primeira vez deste convenio e recibirá unha ducia de ameneiros de ata ano e medio de idade destinados á súa aclimatación na Sementeira do proxecto en Lamas de Castelo.

Carballo anano

Ademais, o IIAG-CSIC pretende garantir o futuro da especie Quercus lusitanica (Carballo anano), que periga despois do incendio que asolou o Monte Pindo este verán. Por iso pretende localizar especimes sans para crear o Banco de xermoplasma de Quercus lusitanica do Monte Pindo. O convenio ratificou a colaboración da Asociación Monte Pindo nesa iniciativa.

Os escolares inauguran o proxecto SOS Monte Pindo

Este domingo 17 de novembro ás 11 da mañá, un autobús con profes, nenos e nenas procedente dun centro de ensino chegará a Carnota para inaugurar coas súas mans o proxecto de voluntariado SOS Monte Pindo, que aspira a recuperar desde a propia sociedade o Olimpo Celta.

A primeira xornada dividirase en dúas accións principais: os máis maiores dedicaranse á semente de gramíneas de crecemento rápido (herba, cebada, trigo, centeo...) no entorno do Rego Voitureiro, o causante de graves arrastres de cinzas cara a Berberecheira. Pola súa parte, os máis cativos recollerán landras de carballo en bosques da contorna, destinadas a medrar na Sementeira con que contará o proxecto. Pola tarde plantaremos esas landras na sementeira e elaboraremos bombas de sementes, unha eficaz e divertida técnica xaponesa denominada Nendo dango consistente en formar pequenas bolas de arxilas cheas de sementes de distintas especies para lanzar sobre áreas de difícil acceso. Logo a propia choiva disolve as bolas e espalla as sementes que prenden de forma natural.

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios