Recunchos da Costa: Monte Pindo

MOnte Pindo con Ameixenda por diante

Seguimos completando, con lugares básicos, o noso mapa dos Recunchos da Costa. E facémolo hoxe cun dos espazos máis simbólicos de toda a comarca: O Monte Pindo.

O coñecido como Olimpo Celta, gracias a Otero Pedrayo, en realidade ten unha ducia de Recunchos na súa superficie. É un macizo granítico, que se alza no lado carnotán do río Xallas, vixiando a desembocadura na fervenza do Ézaro. O seu cumio, A Moa, ten 627 metros de altura, erguidos dende o mesmo Atlántico, é un dos miradoiros máis fermosos da contorna, dende onde se pode ver, polo sur a praia de Carnota e Lira, pero tamén ata Corrubedo; e polo norte, co Ézaro en primeiro plano, a fermosa silueta do monte Facho de Fisterra.

Vistas da praia de Carnota dende o Monte Pindo
Vistas do Ezaro e Fisterradende o Monte Pindo-Foto-Santi Llecha

Ás súas faldas medran aldeas marabillosas como o propio lugar do Pindo, Quilmas, A Curra, San Cibrán, Vadebois, Panchés, Caldebarcos… cada unha cunha agradable visita, tamén.

Como explican dende o Centro de Interpretación do Monte Pindo (CIR), situado no ézaro, para subir ao cumio tes principalmente dúas rutas: dende a Igrexa do Pindo e dende o Fieiro (en Mazaricos, unha subida máis doada pola parte de atrás do monte).
Polo camiño atoparás espazos singulares como a Cova da Xoana, o pico de Peñafiel, o Castelo do Pedrullo, a Orelluda, o Chan das Lamas, o Chan de Lourenzo, o Xigante… innumerables formacións rochosas que forman parte das innumerables lendas e historias que xera este máxico monte.

Castelo de San Xurxo no Monte Pindo-Foto-Gago
Monte Pindo-O Xigante

Porque o Olimpo Celta é un espazo cheo de historia, con moitas cousas que contar dende a Raíña Lupa ata o Franquismo.

Invitámosvos a mergullarvos na Serie Espazos da Memoria, que axuda a entender as historias dos fuxidos no monte durante o franquismo, a través da visita a varias covas que foron habitadas, e de numerosos relatos.

Como tamén vos invitamos a pasar pola serie Patrimonio Pindexo, cos artigos de Modesto García Quintáns, un grandísimo coñecedor de cada recanto do Monte.

Foto aérea do Río Xallas e Monte Pindo-Foto Xoan Alvite
O Pindo, entre o mar e o monte

SERIE MONTE PINDO ESPAZOS DA MEMORIA

Patrimonio Pindexo, con Modesto García Quintáns

MÁIS RECUNCHOS DA COSTA