A veciñanza de Carnota limpa os seus areais

Debe ser ese peixe comeplástico instalado á entrada da praia, a que incita á veciñanza de Carnota a acodir á chamada da ecoloxía. Ata o punto de que estas pasadas fins de semana se desenvolveron dúas accións de limpeza dos nosos areais. Unha vez máis, o voluntariado, a acción cívica veciñal, por diante das administracións.
Os Lirachiñ@s
Por un lado, foron unha vintena de nenas e nenos da Asociación Cultural Lirachiñ@s, do concello de Carnota, con idades entre os 2 e os 12 anos de idade, os que acompañados polos seus proxenitores, limparon na xornada de onte a praia de Portocubelo. Así mesmo, despexaron de rochas arrastradas polo mar, que dificultaban o acceso ao areal, a zona final da rampla de entrada.
Non é a primeira vez que as familias de Lira, acopañadas dos menores, se responsabilizan da limpada deste areal. É unha praia pouco concurrida que visita con frecuencia a cativada local. Con este tipo de actividades as familias que conforman a Asociación pretenden que os menores desenvolvan o sentido de responsabilidade e coidado do seu contorno próximo. Despois de vivir á xornada de limpeza, son de facto moito máis conscientes nas tardes de praia na xestión dos seus residuos; así mesmo, ao levar a cabo regularmente actuacións deste tipo, medran coa conciencia de ser membros activos e partícipes na responsabilización colectiva sobre o coidado do medio.
A Asociación Cultural contou coa colaboración do Concello de Carnota na realización da actividade, que dotou dos guantes e sacos necesarios para a labor de limpeza e se responsabilizou da retirada do lixo recollido.
Residuos recollidos pol@s Lirachiñ@s
LimpOcean, de novo en Carnota
Foron 25 os participantes que acodiron á chamada do Colectivo LimpOcean da fin de semana anterior. Fixo unha finde moito máis solleira e deixaron os areais de Maceiras, Ardeleiro e Ximprón como unha patena. Recolleron case 200 kg de residuos mariños de todo tipo, e contaron coa colaboración municipal para extraelo.
Novas relacionadas
- Xuño 21: Voluntari@s do proxecto PLANCTON retiraron milleiros de tapóns, bastonciños, palliñas ou palos de chupachus nas praias de Carballo.
- Maio 21: A mocidade muxiá comprométese coa limpeza de praias.
- Maio 21: A cativada de Camelle aprende a valorar a súa contorna c@s voluntari@s de Mar de Fábula.
- Abril 21: A praia de Lago, outra sesión para “mobilizar conciencias para coidar o noso mar”.
- Marzo 2021: "É lamentable que a xente siga entrando, fumando e tirando as cabichas no Museo Xardín de Man”.
- Outubro 2020: 17 sacos grandes de lixo menos na ribeira do río do Porto.
- Agosto 2020: Comarea e Mar de Fábula uniron forzas e poesía para darlle brillo ao Coído de Cuño.