Luns. 07.10.2024
El tiempo

A ceense Rocío Leira publica a novela de intriga 'Veleno en Familia'

Portada veleno en familia rocío Leira
A ceense Rocío Leira publica a novela de intriga 'Veleno en Familia'

Rocío Leira é unha imparable. Tras quedar finalista no I Premio de Novela Vilar Ponte do Concello de Viveiro coa novela Veleno en Familia, Baía Edicións púxose en contacto coa ceense para que lles enviase o orixinal e finalmente gustoulles tanto que lle ofreceron a Leira a posibilidade de publicala con eles. É así como esta magnífica obra chega ás librarías.

Veleno-en-familia

Esta noticia foi toda unha alegría para a ceense: “aínda que teño catro libros publicados, Veleno en Familia é a miña primeira novela para adultos e ten, por tanto, a maxia das primeiras veces”, explica Leira. Ademais, tamén engade que “a ilusión foi dobre” porque este proceso coincidiu cos preparativos da súa próxima novela, Trescatorcedezaseis, que en breve verá a luz da man da Editorial Xerais.

Veleno en familia é unha novela de intriga  que está ambientada no rural galego.  A pesares de ser unha novela de entretemento, pensada para manter a intriga do lector ata o final, a obra trata de fondo outros temas como a toxicidade nas relación familiares ou a situación específica da muller no rural galego, onde ademáis  de ter que lidiar coa  problemática da conciliación,  moitas veces se ten que enfrontar á misoxinia máis feroz.

Na páxina de Baía resúmena así:

Un ingreso hospitalario fai saltar polos aires un triángulo familiar no que nada é o que parece.

Unha muller trastornada. Unha muller apoucada. Unha muller de armas tomar.

Unha trama intrigante na que todas son vítimas e verdugas.

O crime perfecto nunha familia imperfecta.

Para quenes queiran saber un pouco máis da novela e de Leira, a ceense estará en algúns encontros con clubes de lectura como este vindeiro luns 11 de novembro en Radio Fene Radiofusión. Polo momento non hai fixada ningunha presentación, pero a propia autora pensa que “algunha caerá pola terriña”, afirma. Aínda así, temos claro que de seguro seguiremos oíndo moito sobre esta gran escritora.

Comentarios