Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A mensaxe do mar chega en botella

A mensaxe do mar chega en botella
foto botella pen praia

Unha ducia de cativos da Costa da Morte veñen de descifrar, nunha tarde, a mensaxe que nos envía o mar. Unha mensaxe que nos chega en forma de milleiros de botellas de plástico que destrozan o noso entorno natural, o noso meirande tesouro.

Así o descubriron tras unha nova actividade da Asociación Galega de Armadores de Artes Menores de Galicia (Asoar – Armega) coa colaboración da Plataforma Low Impact Fishers of Europe (Life). Unha iniciativa no marco dunha campaña medioambiental na que os rapaces costeiros son protagonistas dun vídeo no que transmiten a necesidade de actuar de inmediato ante a contaminación mariña. Mozos que piden unha maior implicación da sociedade civil e política na protección do medio mariño.

A mensaxe do mar

O vídeo “A mensaxe do mar” narra como un grupo de amigas e amigos, que acostuman a ir á praia coas súas familias, deben limpar os areais antes de podelos desfrutar como espazos de lecer. Cansos de tanto lixo, comezan a buscar respostas e descobren que o problema é extensivo a outras zonas costeiras, onde entre tanta sucidade o que máis destaca é o gran número de botellas. Despois de reflexionar ao respecto, o grupo de mozos chega á conclusión de que é o mar quen devolve a terra tantos envases co obxectivo de facerlles chegar a súa mensaxe.O mar está desesperado e como no sabe falar envíanos mensaxes en forma de botellas… quere que lle fagamos caso...que non tiremos lixo ao mar… que deixemos de contaminar…” Son algunhas das deducións ás que chegan os máis novos, os que a través da gravación piden ás autoridades políticas e axentes sociais que sexan máis responsables e actúen na protección do mar e a súa contorna.

Para facer chegar máis lonxe “A mensaxe do mar” entregarase o vídeo en distintos estamentos oficiais (concellos, administracións públicas, centros de ensino…) en formato dixital nunha memoria USB que irá dentro dunha botella de plástico. Segundo o presidente de Asoar- Armega e delegado en España da plataforma Life, Luís Rodríguez, “Trátase de entregar unha mensaxe dentro dunha botella, pero nesta ocasión queremos desmitificar a visión romántica de este, xa que o envase de plástico será un dos que atopamos entre o lixo das praias e supón unha testemuña do nivel de contaminación do medio mariño. O mar está a lanzar un SOS que todos deberíamos atender”.

Xornadas ambientais

“A mensaxe do Mar” é o resultado das Primeiras Xornadas Ambientais organizadas pola entidade Asoar-Armega coa colaboración da plataforma europea Life e a axuda de numerosos voluntarios e voluntarias da Costa da Morte. Durante o verán de 2015 realizáronse diversas actividades con enfoque medio ambiental orientadas aos máis pequenos, entre as que destaca o campamento “A mensaxe do mar” que se levou a cabo o pasado agosto nunha pequena cala de Lires, en Cee.

Os rapaces e rapazas, acompañados de pais, nais e amigos, pasaron unha fin de semana de inmersión no medio natural mariño. Durante dous días participaron activamente en dinámicas dirixidas á sensibilización sobre o coidado e respecto polo medio, realizando talleres formativos, limpezas, xogos de creatividade e outras actividades lúdicas como o “bodysurf”. Segundo o presidente de Asoar, esta foi “unha experiencia única e moi enriquecedora, da que xurdiu a proposta dos rapaces de plasmar as súas conclusións na ‘mensaxe do mar’, a mesma mensaxe que hoxe se precisa difundir.”

Debido á interese amosada por diversas entidades europeas, o vídeo que foi gravado en galego xa conta con versións subtituladas en castelán e inglés para que de este xeito, a “mensaxe” poida chegar máis lonxe.

Novas da ASOAR

Seguridade no mar

Limpando as nosas rías

Divulgación e dignificación no mar

Estudios da ASOAR

Fonte

  • Nota de prensa da ASOAR.

Comentarios