Mércores. 23.10.2024
El tiempo

A comunidade escolar mergúllase na Gala "Falemos + galego"

  • María Lado e Xurxo Souto serán os presentadores.
  • Antía Muíño e Caamaño&Ameixeiras deleitarán á rapazada coa súa música galega.

 

Falemo+galego Costa da Morte
A comunidade escolar mergúllase na Gala "Falemos + galego"

Fixo historia na Coruña o “Aquí tamén se fala”, convertindo en produtores e organizadores dun festival ao alumnado dun centro de ensino. Na Costa da Morte o camiño é paralelo, se ben o nome da campaña é “Falemos + galego”.

Polo menos por agora, porque temos participado como xurado na escolleita do novo logo lema e o novo vídeo que represente á campaña de normalización e fomento do uso do galego na Costa da Morte.

Despois dun par de meses de inmersión, este xoves 20 de xuño, no penúltimo día de cole, chega a gran Gala “Falemos + galego”. María Lado e Xurxo Souto presentarán o evento no que ademais de grandes actuacións musicais, se coñecerán cales dos 13 centros son gañadores do certame.

A Gala arrincará ás 10:00h coa batucada do IES Fernando Blanco. Subirán ao escenario artistas/alumnas como o dúo poético María e Mercedes ou Aroa Sendón de Vimianzo coa súa guitarra. E tamén estará o grupo Malleira, coa rapazada do IES Agra Raíces.

Pero as grandes achegas serán da man de dúas referencias da música galega contemporánea como son Antía Muíño, e o dúo Caamaño&Ameixeiras, que ademais de tocar por separado, darán a gran sorpresa tocando algun tema xuntas.

Só compre desexar que a rapazada o pase mellor que nunca nesta festa arredor da nosa lingua, e dar os meirandes parabéns aos 13 centros implicados nesta campaña:

  • IES Lamas de Castelo (Carnota),
  • CPI Plurilingüe A Picota (Mazaricos),
  • IES Fernando Blanco (Cee),
  • IES Agra de Raíces (Cee),
  • IES Fin do Camiño (Fisterra),
  • CPR Nosa Sra. do Carme (Fisterra),
  • IES Ramón Caamaño (Muxía),
  • IES Terra de Soneira (Vimianzo),
  • IES Pedra da Aguia (A Ponte do Porto – Camariñas),
  • IES Maximino Romero Lema (Baio-Zas),
  • CPI de Zas,
  • CPI Plurilingüe Cabo da Area (Laxe) e
  • IES Eduardo Pondal (Ponteceso)

Máis novas

Comentarios