Guadalupe Vázquez Formoso lanza a súa primeira novela xuvenil afrontando o acoso escolar
É unha alegría para toda a comarca descubrir o novo libro de Guadalupe Vázquez Formoso. A autora ceense lanza a súa primeira novela xuvenil, publicada pola editorial Belagua, co título “Alicia no labirinto das sombras”.
Ambientada na Costa da Morte, da que se declaro “namorada desde o berce”, a obra é un “intento de dar visibilidade a un tema delicado: o do acoso escolar”, co obxectivo de sensibilizar a rapaces e tamén a maiores, posto que “o bullying é un problema de todos e todas”.
”O libro non pretende dar solucións máxicas nin respostas fáciles senón abrir un espazo de reflexión, diálogo e empatía”, explica a autora ceense. “Unha vez máis, recibín o asesoramento da miña querida amiga homónima Guadalupe López Canosa, psicóloga, quen escribiu o prólogo do libro”, tal e como fixo co libro de Relampio.
Lembra que é un libro para todo o mundo, “non só para os adolescentes, pero tendo en mente especialmente ás Alicias, é dicir, aos rapaces e rapazas vítimas do acoso escolar”.
Os libros xa están tamén na distribuidora así que as persoas lectoras poden facer as súas encargas na súa libraría de referencia, para faceren os pedidos ao Consorcio Editorial Galego.