O Modesto Patrimonio: Muíños Hidráulicos no Concello de Cee

Mapa cos Muíños de Brens

Intentar facer hoxendía un inventario do noso antigo patrimonio arquitectónico da comarca como son os muíños fariñeiros convértese nunha tarefa complicada.

O autor deste artigo sempre se interesou por estes temas. Desde cativo, un cordel de fogueirón das festas, unido a un anaco de tanza atada na punta dunha vara longa, recorría os regatos en busca das abundantes trouitas, pois non había impedimento de vedas nin licencia; falo sobre o ano 1955. As presas dos muíños que almacenaban auga eran o meu lugar preferido, así que as conversas cos maiores era sobre os muíños e a súa localización. Isto provocoume gran interese en ubicalos en ortofotos aéreas dándolle coordenadas UTM e situalos nun mapa topográfico.

Como pasa co viño, co paso dos anos estas anotacións gañan valor. As novas tecnoloxías, fixeron que esta maquinaria rústica, composta por pezas con nomes propios e moi valorada polos vecinos foron esquecidas convertíndose en esqueletos, todos eles en estado ruinoso, durmindo na contorna dos ríos e cubertos cunha manta de silvas e outras malezas. Isto provocou que as novas xeracións esquezan os nomes e a propiedade, perdéndose a súa memoria histórica.

Imos reseñar un inventario dos ríos e os muíños do término municipal de Cee, todos eles ubicados con coordenadas nun mapa topográfico 1: 25.000. Aproveito nesta ocasión para agradecer a axuda e colaboración que me brindou o meu familiar e amigo José de Franco, que co foiciño, rachando algún pantalón e máis dunha caída o rego, logramos descubrilos e poder facerlles algunhas fotos.

Teño inventariado 110 muíños. Contabilizáronse os arrastrados polas enchentas.

  • Río de Buxantes (o seu paso por Razo 16 (un batán).
  • Río de Fadibón 8.
  • Río da Lagarteira 16.
  • Rego de Estorde 5.
  • Rego de Toba 5.
  • Rego de Cabanas 7.
  • Rego Cavado-Morancelle 6.
  • Río de Porcar 10.
  • Río da Carbaliza 23.
  • Rego de Ameixenda 10.
  • Rego de Gures 4
 

OUTROS ARTIGOS NO "MODESTO PATRIMONIO"

Patrimonio Pindexo