O BNG de Cee denuncia o expolio que sofre a mexilla na ría de Corcubión


Denuncia hoxe o BNG de Cee que "estamos asistindo estes días a un expolio da nosa ría, xa que se está producindo unha salvaxe recollida da mexilla por parte de xentes procedentes doutras bisbarras que veñen en lanchas, recollen toda a mexilla que poden, non deixan futura semente para que de novo se críe a mexilla a nosa ría, e en definitiva non respectan o máis mínimo os nosos bens naturais".
Fai unhas semanas o grupo da oposición presentou unha moción no Concello de Cee, relativa a que "a colleita da mexilla da nosa ría se faga dende os mariscadores da nosa localidade ou confraría, e non directamente por bateeiros foráneos dun xeito incontrolado". O BNG de Cee logrou o apoio de todos os grupos da corporación na comisión informativa realizada o martes 25 de xaneiro e o asunto tratarase no pleno deste venres.
Expolio dende o exterior
Segundo denuncias, "na actualidade lanchas procedentes de zonas de producción de mexillón acceden á ría e collen libremente toda a mexilla que precisan, acabando con este recurso natural sen que isto repercuta ningún beneficio na zona".
Posibles beneficios dunha regulación
O BNG pensa que coa aprobación da moción as xentes ceenses terán beneficio dobre:
- Por unha banda crearanse postos de traballo e riqueza na nosa bisbarra, pois os bateeiros veríanse no deber de mercar directamente a mexilla á confraría propia.
- Asemade, os propios mariscadores que collan a mexilla serán os encargados de cuidar o entorno no que se da a cría do mexillón
Novas relacionadas
- A CIG denuncia ao Carrefour Market de Cee por impedr unha asemblea informativa.
- A oposición ceense denuncia o olvido de Brens e pide unha ampliación da Casa da Cultura.
- O BNG de Cee pide que a colleita de mexilla deste nadal sexa da ría.
- O BNG de Cee critica a estratexia agresiva do alcalde e pide de novo a supresión do gabinete do alcalde.
Fonte
- Nota de prensa do BNG de Cee.