O BNG pide que a suposta chegada da fábrica de tubos traia o saneamento da ría
Explicaba onte o BNG da Costa da Morte a súa postura sobre a fábrica de tubos xigantes de Cee e a situación da Ría de Corcubión. Unha factoría que por certo, aparecía ás presas pero que de contado desapareceu da actualidade preocupando aos dirixentes que apostan por ela. Xa van 6 meses e polo de agora non hai nada, ante o que o BNG, partidario de aumentar os "sectores produtivos" coa fábrica, denuncia que "as pelexas internas dentro do PP e de IxCee, non fan mais que enredar mais o asunto". De paso, o BNG pedía ao PP que clarexe que pasará nese terreo en caso da non ubicación da fábrica, e que é exactamente o que contempla o PXOM a aprobar en breve.
O BNG explicaba a súa postura da man do deputado Daniel Rodas encargado da área de pesca, que informou no local do Bng de Cee acompañado do responsable comarcal Serxio Domínguez Louro e do vicerresponsable, Germán Martínez Traba.
O grupo, que vén de presentar non parlamento varias iniciativas e preguntas sobre o que está a acaecer na ría de Corcubión. Consideran que "a ubicación proposta dunha fábrica de tubaxes xigantes vén a empeorar a situación e a aumentar a preocupación dos profesionais", en relación ás queixas dos mariscadores.
Nese senso, denuncian que "o histórico abandono do goberno, fai que a nosa ría estea infrautilizada a nível de produción de marisco, así como que o pouco que dá, teña que ser depurado por ser de zona C".
Así, o BNG propón tomar varias medidas relativas ao saneamento:
- Accións de saneamento e depuración precisas que melloren as calidades das augas e o producto a recoller, convertindo a ría de zona C a zona A.
- Eliminar ou arranxar o actual emisario de augas residuais da depuradora que verte sobre o banco marisqueiro.
- Protexer prioritariamente o banco marisqueiro, así como facelo compatible con outra actividade industrial na zona.
- Elaborar un estudo de potencialidade da ría e pór en marcha medidas de potencialización do marisqueo e das especies que se dan, para unha vez saneada facer da ría un motor económico viáble e sustentable creador de riqueza e emprego.
- Crear unha mesa de recuperación e impulso da actividade na ría, na que estean presentes os colectivos de mergulladores e mariscadore/as, as confrarías de Fisterra, Lira e Corcubión, a Consellería do Mar, Augas de Galiza, INTECMAR, e os concellos de Corcubión e Cee, para realizar un seguimento das medidas a adoptar en materia de saneamento e depuración, así como resolver posíbeis problemas de compatibilidade con outras actividaes, especialmente a fábrica de tubaxes prevista.
Novas relacionadas
- Hermanager Humor: Warning! Tubos Xigantes!.
- 04-03-13: AGE pide un estudio sobre a fábrica de tubos xigantes.
- 21-02--13: O pleno de Cee rexeita as propostas da fábrica de tubos pola falta dun concelleiro da oposición.
- 19-02-13: Os mariscadores da Zona V rexeitan a localización da fábrica de tubos.
- Piden máis información e critican a ubicación da factoría de tubos xigantes de Cee.
- O Concello de Corcubión protesta pola fábrica de tubos xigantes.
- A factoría de Tubos xigantes estará funcionando o vindeiro verán na zona da SICAR.
- O Comité de Empresa de Ferroatlántica apoia a factoría de tubos pola carga de traballo do porto.
- CIG, BNG e Edís Nacionalistas apoian a construción da fábrica de tubos na SICAR.
Fonte
- BNG.