Venres. 26.04.2024
El tiempo

Prestige: 20 anos da manifestación do Nunca Máis en Cee contra a nova marxinación da Costa da Morte

Manifestacion Nunca Mais Prestige Cee-16-03-2003 2
Fotos de Luís Soto da manifestación recollidas en gulans.com
Prestige: 20 anos da manifestación do Nunca Máis en Cee contra a nova marxinación da Costa da Morte

Hoxe, 16 de marzo de 2023, cúmprense 20 anos da manifestación en Cee de toda a xente da Costa da Morte en protesta pola xestión do "Prestige". Máis de 10.000 ateigaron as rúas da vila da Xunqueira na que era a terceira mobilización na Costa da Morte despois das realizadas en Muxía, Corme e Fisterra (convocada unha semana antes polo 8M pola Marcha Mundial das Mulleres), e unhas semanas despois da gran mobilización celebrada en Madrid. "O destacable é que foi a manifestación máis numerosa que houbo na Costa da Morte ata o día de hoxe", sinala Manuel Antelo, un dos organizadores.

Unha manifestación liderada por un “Manifesto contra unha nova marxinación da Costa da Morte”, pois xa se dera a coñecer o Plan Galicia e para a Costa da Morte só constaba ese Parador que tardou case outros 20 anos en construírse. Participaron xentes do sector do mar, por suposto, e foi apoiada polos partidos da oposición, o BNG (como Xosé Manuel Beiras, Bieito Lobeira, García Negro, Camilo Nogueira, e os costeiros Manuel Antelo ou Rafael Mouzo), e o PSOE (como Marisol Soneira, Rodríguez Pardo ou Ceferino Díaz).

Un manifesto asinado por máis de 60 persoas da cultura da comarca como eran Marilar Aleixandre (escritora), Xosé Mª Lema Suárez (historiador), Manuel Vilar (historiador), Miro Villar (lingüista e escritor), Rafa villar (lingüista e escritor), Ramón López Facal (profesor e historiador), Xelucho Abella (profesor e escritor), Antón Pombo (presidente da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago e escritor), Luis Lamela García (mariño mercante e historiador), Concha Blanco (profesora e escritora), María Canosa (escritora), Manuel López (Alexandre Nerium, mariñeiro e poeta), Rivadulla Corcón (artista e escritor), Manuel Suárez (avogado), Sabela Agrelo Paz (profesora), Rodrigo Fernández Casais de Castro (profesor), Miguel Vázquez Freire (profesor e escritor), Mariña Toba Barrientos (decoradora), Xurxo Martiño (pintor), Antón Mouzo (pintor), Roberto Mouzo (agrónomo), Luz Varela Miñones (fiIóloga), Franck Meyer (filólogo, escritor e editor), Adela Vázquez (profesora), Xoán Creus Andrade (arquitecto), Isabel Longueira (fotógrafa e historiadora), Francisco X. Fernández Naval (escritor), Carmen Sanleón (profesora), Xosé Luís Castro (realizador de TVE), Evaristo Domínguez Rial (profesor e xeógrafo), Xan Fernánde Carrera (profesor e historiador), Xosé Manuel Varela Varela (profesor e filólogo), Xosé María Rei Lema (lingüista), Pepe Carballude (escritor), Rosa García (escritora), Pilar Beiro (poeta), Teresa Vilar Álvarez (lingüista), Rosa Figueira (dépendenta), Saulo Priegue (PAS), Antonio Vilar (construtor), Carmen Lasheras (funcionaria), Paz López-Felpeto (historiadora), Álvaro de la Vega (profesor e escultor), Nolo Suárez (pintor), Miguel Mato Fondo (Poeta), Xosé M. Freixeiro Mato (Profesor de Universidade e escritor), Xurxo Borrazás (Escritor), María Bouzas (Actriz), Paco Souto (poeta), Sonia Méndez (Actriz), Farruco (Actor e cómico), Paco de Tano (poeta), Emilio MacGregor (Director de cine. Mareas vivas), Xan Fraga (Historiador), Víctor Mosqueira (Actor), Xelasio Nogueira (Historiador), Chema Gagino (Director de cine), Lola Oviedo (artesá), Farruco Fruga (Presidente A. C. Lumieira), Manuel Rivas (Escritor e xornalista).

Manifestacion Nunca Mais Prestige Cee-16-03-2003
Fotos de Luís Soto

Aquí deixamos o manifesto daquela combativa xornada:

Manifesto contra a nova mariinación da Costa da Morte

Os que asinamos este documento, que temos en común o nacemento ou a veciñanza nas comarcas que conforman a Costa da Morte -e os que somos 'fisterráns' de corazón-, queremos manifestar a nosa enérxica protesta polo novo esquecemento e marxinación de todo este territorio no chamado 'Plan Galicia 2003' , pomposamente presentado no Consello de Ministros do Goberno español o pasado 24 de xaneiro na Coruña.

Toda Galicia, toda España e toda Europa sabe que a Costa da Morte foi con moito a zona máis prexudicada polo vertido do petrolero Prestige, desde o punto de vista ecolóxico, económico, social e mesmo simbólico. Sen embargo, no 'Plan Galicia 2003' só aparece unha única cousa, un parador de turismo, como remedio milagre para a súa recuperación, como se isto abondase para sacarnos dun atraso secular que ten moito que ver co abandono destas terras occidentais polas sucesivas Administracións.

A Costa da Morte é unha xeografia especial, algo máis ca xuntanza de tres ou catro comarcas. Na súa condición de Finis Terrae, este territorio chega a representar a Galicia enteira. Concibiriamos este país sen símbolos tan enraizados como Dombate, o Vilán, a Barca ou o promontorio de Fisterra?

Despois de tantas declaracións grandilocuentes por parte das autoridades, que facían concibir esperanzas de que esta catástrofe fose o punto de partida para sacar estas comarcas fisterrás das súas carencias seculares, unha vez máis vemos que, a pesar de sermos os máis afectados, volvemos quedar esquecidos e burlados polos gobernantes. Con razón un xornal titulaba, despois do citado Consello de Ministros da Coruña: "A zona máis afectada [Costa da Morte] queda fóra das grandes infraestruturas”.

Como cidadáns sentímonos indignados e reclamamos un efectivo PIan Especial Costa da Morte 2003 se é que de certo se quere poñer ao día esta ampla zona costeira e interior que vai desde Monte Louro e Carnota a Malpica e a Caión, onde non só se contemple unha necesaria recuperación ecolóxica que volva a natureza ó seu estado vital anterior (isto implica non só a limpeza das praias, coídos e cantís, senón a rexeneración da flora e da fauna e da paisaxe alterada), senón tamén unha recuperación económica (unhas infraestructuras básicas: autovía gratuíta de Carballo á comarca de Fisterra, comunicacións decentes con Santiago, unha vía férrea; modernización da cativa rede eléctrica; rápido acceso a internet, etc.), unha recuperación turística (menos declaracións e máis realizacións de proxectos concretos baseados no noso patrimonio cultural e natural) e, moi especialmente, que non se esqueza unha recuperación social da que apenas se fala e que pode levar a unha desvinculación dos habitantes co seu contorno e todas aa consecuencias que isto conleva (depresións, paro, emigración…)

Reclamamos do Goberno un verdadeiro Plan como punto de arranque para a recuperación efectiva da Costa da Morte, para sacala da súa marxinación e esquecemento seculares; de pésames compasivos e declaracións de boas intencións carentes de orzamentos estamos sobrados.

Manifestacion Nunca Mais Prestige Cee-16-03-2003 3

  • Fotos de Luís Soto en gulans.com.

 

Manifestacion Prestige Cee marzo 2003 3

Manifestacion Prestige Cee marzo 2003 2

Manifestacion Prestige Cee marzo 2003

  • Fotos achegadas por Manuel Antelo

 

Máis novas do Prestige

Artigos relacionados

Comentarios