Os traballadores de XEAL volveron á rúa polo mantemento do convenio
Volveron á rúa os traballadores de XEAL, tras comprobar a inacción por parte da empresa, e da Xunta, para reactivar a produción da fábrica.
O Comité continúa esixindo o rearranque dos fornos parados, e a presentación dun calendario concreto e previsións de produción para o vindeiro ano. Tamén reitera que a Xunta ten que esixir o Plan de Viabilidade prometido pola empresa.Pero a día de hoxe os traballadores volveron ás mobilizacións cunha nova preocupación: o convenio colectivo.
Segundo denuncian os traballadores, a “empresa quere deixar caer o actual convenio colectivo e pasar a aplicar o convenio provincial do metal da Coruña, de condicións salariais, laborais e sociais inferiores”.
A respecto do convenio, o comité considera que a dilatación das negociacións "vulnera o deber de boa fe negocial coa única finalidade de provocar o decaemento do convenio e a liquidación da comisión negociadora". Por iso, o comité acaba de solicitar unha nova mediación no AGA para tentar desbloquear a negociación tanto do convenio colectivo como do plan de igualdade, que a dirección tamén ten paralizado.
"Agardamos que desta volta a empresa acepte a mediación e poidamos avanzar nun acordo que permita salvargardar os dereitos laborais, salariais e sociais do conxunto do persoal", subliña o presidente do comité, Alfonso Mouzo.
Con este obxectivo, engade, o comité tamén remitiu este mércores un escrito á conselleira de Emprego pedíndolle a súa intervención para que inste a empresa a aceptar este proceso de mediación no AGA, posto que XEAL xa rexeitou unha proposta similar feita polo comité no mes de agosto.
Novas relacionadas
- Outubro 21: Traballadores/as de XEAL concéntranse nos xulgados para esixir a readmisión dun compañeiro despedido.
- Outubro 21: O Comité de XEAL volve pedir a intervención inmediata da Xunta.
- 17-07-21: Cada vez máis demandas nas concentracións de XEAL.
- 09-07-21: O comité de XEAL denuncia na Inspección o proceder da empresa ante os casos de acoso laboral e sexual.
- 25-06-21: Denuncian que Xeal reduce o caudal ecolóxico do río Xallas con permiso da Xunta.
- 24-06-21: O emprego en XEAL volve ao Parlamento.
- 05-06-21: Un novo despedimento axita aínda máis a loita dos traballadores de XEAL :