Mércores. 01.12.2021
El tiempo

A Costa tamén marcha Rumbo a Gaza

A Costa tamén marcha Rumbo a Gaza

Tremenda a acollida da Festa Solidaria que COSAL Costa da Morte e Buserana organizaron para a noite de onte no Bar La Terraza do Hórreo. Unha festa celebrada no marco da campaña Rumbo a Gaza, e da que os 5€ da entrada-donativo van integramente á Frota da Liberdade 2011. Esa fragata que levará toneladas de axuda humanitaria á franxa de Gaza.

A resposta da veciñanza, ou máis ben do profesorado da zona, foi total. Máis de 60 persoas ateigaron o bar e foron uns cantos os que se perderon algunhas das interesantes proxeccións que preparou COSAL para facernos tremer. Tremer e aprender, pero a verdade é que na Costa temos un coñecemento máis amplo do conflito palestino que a realidade da Barbanza... Mohamed Safa ten moita culpa.

A sesión foi condudida por José Luis Louzán, locutor da Radio Nordés - Cadena Ser, que tras facer unha posta en escena deixoulle o paso aos poetas Miro Villar e Xaime Trillo. Impresionante os textos que leu Miro de Mahmud Darwish, ademais dalgún poema propio e doutros autores galegos comprometidos coa causa. Xaime sacou do baúl uns versos gran reserva de colleita propia e ademais fixo que os textos de Darwish fixesen tremer os corpos dos asistentes.

A encrucillada estaba servida, e Miro instou a Safa, coñecido oftalmólogo e activista palestino, a ler uns poemas en árabe. A ovación foi total.

A fin de festa chegou da man da Escola de Canto Tradicional da Universidade Popular de Corcubión. Dirixidas polo incombustible Guillerme Ignacio Costa, que non deixa de dinamizar o sector máis tradicional da música na comarca de Fisterra dende que chegou destinado ao colexio de Corcubión. As cantareiras puxeron o broche de ouro a unha festa solidaria exemplar antes, iso si, de que se sorteasen dous panos palestinos.

E antes de deixalo deixámosvos cun dos poemas lidos na sesión de onte que nos achega Miro Villar.

Mahmoud Darwish: CARNÉ DE IDENTIDADE

Escribe que son árabe, e o número do meu carné é o cincuenta mil que teño xa oito fillos, e chegará o noveno ao final do verán. Enfadaraste por iso? Escribe que son árabe, e cos meus camaradas de infortunio traballo na canteira. Para os meus oito fillos arrinco, das penas, o corrosco de pan, o vestido e os libros. Non mendigo esmolas á tua porta, nin me rebaixo ante os teus chanzos. Enfadaraste por iso? Escribe que son árabe. Son nome sen alcume. Espero, paciente, nun país no que todo o que hai existe . As miñas raíces, afundíronse antes do nacemento dos tempos, antes da apertura das eras, do ciprés e a oliveira, antes da primicia da herba. O meu pai . . . da família do arado, non de nobres señores. O meu avó era un labrego, sen títulos nin nomes. A miña casa é unha choupana campesiña de canas e madeiros, compráceche? . . . Son nome sen alcume. Escribe que son árabe, que teño o pelo negro e os ollos castañeiros; que, para máis detalles, me cubro a cabeza cun veo; que son as miñas palmas duras como a pena e espetan ao tocalas . E gústame o aceite e o tomiño. Que vivo nunha aldea perdida, abandonada, sen nomes nas rúas. E cuxos homes todos están na canteira ou no campo . . . Enfadaraste por iso? Escribe que son árabe; que roubaches as viñas do meu avó e unha terra que araba, eu, con todos os meus fillos. Que só nos deixaches estas penas . . . Non vai a sacarmas o teu goberno tamén como se di? . . . Escribe, pois . . . Escribe no comezo da primeira páxina que non aborrezo a ninguén, nin a ninguén roubo nada. Mais, que se teño fame, devorarei a carne de quen a min me roube. Coidado, pois! . . . Coidado coa miña fame, e coa miña ira!

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

comentarios