Belén do Campo reiteroulle ao voceiro do PP de Corcubión que a Xunta non asumirá a xestión do Centro de Día

José Domínguez Buiturón con Belén do Campo

Trala rotunda resposta de onte da Conselleira Fabioa García no Parlamento, hoxe a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, non foi menos crúa en relación ao Centro de Día de Corcubión. 

Do Campo recibía ao portavoz do PP de Corcubión, José Domínguez Buituron, para abordar varios asuntos, pero o tema central volveu ser a necesidade do Centro de Día para a comarca. A delegada deixou patente en que a Xunta non vai asumir a posta en marcha e o mantemento do Centro Día construido polo Concello. Lembrou que a Xunta se limita a colaborar economicamente cos municipios para mellorar a atención e os recursos ao alcance das persoas en situación de dependencia.

Volveu poñer a responsabilidade no concello e no seu alcalde, como xa se realiza con outros centros de titularidade municipal, a través de axudas aos seus usuarios. Unha clara e nova demostración da deixadez de funcións deste goberno da Xunta do PP, que ten todas as competencias en materia sanitaria e de dependencia, pero volve deixar recaer nos municipios o peso de infraestruturas como estas, imposibles de abarcar para un concello de 1.500 habitantes. 

 

Non quedou aí a cousa, e ademais de sacar peito e sacar cifras sen marco do Plan de simplificación e axilización de dependencia e discapacidade, botou balóns de novo no goberno central e na suposta "débeda acumulada que ten o Goberno de Sánchez con Galicia".

 

Outros asuntos

Ademais, o representante municipal trasladoulle a necesidade de levar a cabo a mellora da seguridade viaria na estrada autonómica no lugar de Amarela, unha actuación que suporía un importante beneficio tanto para os veciños das parroquias da zona como para os peregrinos que realizan o Camiño de Fisterra.
 

 

Histórico do Centro de Día