O centro de día de Corcubión chega ao Parlamento Europeo
A loita pola apertura do Centro de Día de Corcubión continúa en marcha. Desta volta é o BNG, da man da eurodeputada Ana Miranda, o que leva ao Parlamento europeo a demanda da súa apertura. Así foi anunciado nunha visita á vila de San Marcos realizada este sábado 23 de agosto pola parlamentaria nacionalista, que mantivo unha reunión co alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez Traba, xunto con membros do equipo de goberno; o deputado do BNG pola Costa da Morte, o corcubionés Oscar Insua; e representantes da formación nacionalista en Corcubión.
Miranda, que aproveitou para visitar as instalacións que están preparadas para acoller o servizo, avanzou que tramitará unha denuncia do goberno municipal na Comisión de Peticións do Parlamento galego, baseada na equidade e na discriminación que sofre a comarca en canto á falta de prazas públicas para a atención de persoas dependentes.
Ademais, a eurodeputada do BNG sinalou que realizará preguntas parlamentarias para que a Comisión Europea teña coñecemento da situación.
Ana Miranda declarou que “o BNG leva esta loita a Europa porque é unha obriga pública coidar dos nosos maiores, e a Xunta non está tendo en conta que na Costa da Morte queda todo o camiño por percorrer neste sentido”.
Pola súa banda, o alcalde Xabier Domínguez afirmou que “seguiremos loitando para que se poña a funcionar o centro de día de Corcubión, que leva tempo sendo unha prioridade, e insistiremos para que o goberno galego o abra, dado que na comarca non existen prazas públicas para a atención a persoas con dependencia”.
O rexedor corcubionés lembrou que “desde hai 11 anos existen unhas instalacións que están listas para ser empregadas para tal fin, e nas que se podería dar servizo a 22 persoas”.
Histórico do Centro de Día
- Xuño 25: Belén do Campo reiteroulle ao voceiro do PP de Corcubión que a Xunta non asumirá a xestión do Centro de Día.
- Maio 25: A Xunta rexeita a xestión directa do Centro de Día e insta ao Concello de Corcubión a asumila
- Maio 25: Corcubión volve unirse para esixirlle á Xunta un Centro de Día de xestión pública.
- Abril 25: Corcubión aproveita a visita da Delegada da Xunta para lembrarlle a esixencia do Centro de Día.
- Abril: Corcubión inicia unha campaña de recollida de firmas para reclamar á Xunta que abra o Centro de Día.
- Marzo 25: O Concello de Corcubión asegura que xa ten realizado os trámites que pide o Consorcio para o Centro de Día
- Marzo 25: O Centro de Día de Corcubión poderá ser unha realidade se a xestiona unha entidade social
- Febreiro 25: A Plataforma Xuntos polo Centro de Día de Corcubión comeza unha campaña para conseguir apoios institucionais.
- Novembro 2024: "Negar os centros de día é unha forma de violencia e de maltrato ás persoas dependentes”.
- Xullo 24: O Concello de Corcubión volve a denunciar a negativa da Xunta a abrir o Centro de Día.
- Outubro 23: O PP rescata a petición de Sempre Corcubión e pide convertir o edificio do Hotel El Hórreo nunha residencia de maiores.
- Novembro 21: Sempre Corcubión volve pedir a creación dunha residencia de maiores pública e comarcal.
- Abril 2021: Propoñen adquirir o Hotel El Hórreo e convertilo nunha Residencia comarcal para maiores
- Decembro 2020: O eterno retraso do Centro de Día de Corcubión volve ao Parlamento.
- Febreiro 2020: “Na Road Trip Protesta a Rianxo aprendimos que un Centro de Día é posible, e significa dignificar aos maiores”.
- Outubro 19: Boca de Sapo presenta 1.000 sinaturas para esixir a apertura do Centro de Día de Corcubión.
- Xullo 19: Un berro silencioso, e medieval, pola apertura do Centro de Día de Corcubión.
- Maio 2019: Corcubión enteiro sae á rúa polo Centro de Día.
- Maio 19: A cidadanía de Corcubión mobilízase polo Centro de DíaA cidadanía de Corcubión mobilízase polo Centro de Día.
- Camariñas, Corcubión e Ponteceso valoran o si da Xunta ao Centro de Día de Malpica.
- Outubro 2018: A Xunta volve negarse a poñer en marcha o Centro de Día de Corcubión.
- Outubro 2018: “Os técnicos de Servizos Sociais da comarca de Fisterra trasladaron á Deputación a necesidade de abrir o Centro de Día de Corcubión”
- Setembro 2017: O BNG critica a postura da Xunta co centro de día de Corcubión.
- Setembro 2017: A Xunta rexeita a abrir o Centro de Día de Corcubión
- Novembro 2015: O BNG de Corcubión pregunta polo esquecido Centro de Día.
- Maio 2014: O Centro de Día de Corcubión ve a luz.
- Xaneiro 2013: O BNG de Corcubión denuncia un novo retraso nas obras do Centro de Día
- 09-03-11: O BNG de Corcubión pide á Deputación financiamento para rematar o Centro de Día.