luns. 25.08.2025
El tiempo

O centro de día de Corcubión chega ao Parlamento Europeo

BNG Centro de Dia de Corcubion
O centro de día de Corcubión chega ao Parlamento Europeo

A loita pola apertura do Centro de Día de Corcubión continúa en marcha. Desta volta é o BNG, da man da eurodeputada Ana Miranda, o que leva ao Parlamento europeo a demanda da súa apertura. Así foi anunciado nunha visita á vila de San Marcos realizada este sábado 23 de agosto pola parlamentaria nacionalista, que mantivo unha reunión co alcalde de Corcubión, Xabier Domínguez Traba, xunto con membros do equipo de goberno; o deputado do BNG pola Costa da Morte, o corcubionés Oscar Insua; e representantes  da formación nacionalista en Corcubión.

Miranda, que aproveitou para visitar as instalacións que están preparadas para acoller o servizo, avanzou que tramitará unha denuncia do goberno municipal na Comisión de Peticións do Parlamento galego, baseada na equidade e na discriminación que sofre a comarca en canto á falta de prazas públicas para a atención de persoas dependentes.

Ademais, a eurodeputada do BNG sinalou que realizará preguntas parlamentarias para que a Comisión Europea teña coñecemento da situación.
Ana Miranda declarou que “o BNG leva esta loita a Europa porque é unha obriga pública coidar dos nosos maiores, e a Xunta non está tendo en conta que na Costa da Morte queda todo o camiño por percorrer neste sentido”.

Pola súa banda, o alcalde Xabier Domínguez afirmou que “seguiremos loitando para que se poña a funcionar o centro de día de Corcubión, que leva tempo sendo unha prioridade, e insistiremos para que o goberno galego o abra, dado que na comarca non existen prazas públicas para a atención a persoas con dependencia”. 

O rexedor corcubionés lembrou que “desde hai 11 anos existen unhas instalacións que están listas para ser empregadas para tal fin, e nas que se podería dar servizo a 22 persoas”.

Histórico do Centro de Día

Comentarios