Coristanco aproveitará a Festa da Pataca para afianzar o seu posto como referente Agroprofesional

Ademais da participación no Concurso Estatal de Patacas, Coristanco xa ten a vista posta na 43ª Festa da Pataca. Pero antes da troula, o Concello pensa na posición profesional, e prepara o I Encontro Agroprofesional da Pataca, que se desenvolverá o sábado 20 de setembro no marco da "Festa da Pataca".
Será a primeira edición dunha xornada técnica que busca profesionalizar e impulsar o sector, organizada pola Revista Campo e o Concello de Coristanco, co apoio da Asociación de Pobos Produtores de Pataca, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.
A cita reunirá a agricultores, técnicos, investigadores e outros profesionais de ámbito nacional. O encontro centrarase na análise agronómica e de mercado do cultivo, buscando poñer en valor a pataca de Coristanco e a súa distintiva marca.
"Este encontro é unha oportunidade única para reunirnos, abordar temas de interese para todo o sector patateiro e coñecer os novos retos," sinalou o alcalde de Coristanco, Juan Carlos García. "Imos facer unha radiografía do que está pasando e cara a onde vai o sector".
Programa do I Encontro Agroprofesional da Pataca
O encontro, que terá lugar no marco da 43ª Festa da Pataca, comezará ás 9:30 h coa inauguración oficial a cargo de Juan Carlos García, alcalde de Coristanco, e Máximo Gómez, director da Revista Campo.
Ás 9:45 h, o programa continuará coa ponencia "O reto da produción de pataca en Coristanco", ofrecida por Servando Álvarez, de Inorde.
Seguidamente, ás 10:10 h, Gonzalo Velasco, da empresa Clauger, abordará a "Conservación da pataca: unha alternativa rendible".
A primeira parte da xornada concluirá ás 10:35 h coa intervención de Javier Aguilera (Alfersan - Grimme), que se centrará na "Mecanización no cultivo da pataca".
Tras unha pausa para o café ás 11:00 h, a xornada reanudarase ás 11:30 h coa ponencia "Selos de calidade como garantía da orixe", impartida por Martín Alemparte, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal).
A continuación, ás 11:45 h, celebrarase unha Mesa de debate que reunirá a expertos de diferentes ámbitos para discutir os "Retos e oportunidades da pataca". Moderada por Máximo Gómez, esta mesa contará coa participación de Mónica Díez (Patatas Meléndez), Noly Peraza (Asociación de Produtores de Papa de los Valles), Javier Díaz (Nuestra Señora de Ocón S. Coop.), Juan Ramón Sanjurjo (agricultor de Coristanco) e Luis García (Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa).
A sesión finalizará ás 12:35 h cunha Mesa redonda centrada en "O futuro da pataca en Galicia". Nela, intervirán Gloria Fernández (Gallega de Patatas), Jaime Calvo (Gadisa), Marco Román (Contagri), Servando Álvarez (Inorde) e Andrés Lecuona (Alavesa de Patatas), con moderación de Máximo Gómez.
A clausura do encontro está prevista para as 13:20 h, e correrá a cargo de María José Gómez Rodríguez, conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia.
A pataca, sinal de identidade de Coristanco
A Festa da Pataca, que se celebrará os días 20 e 21 de setembro, reafirma o orgullo de Coristanco por este tubérculo. A calidade e excelencia da pataca local, especialmente a variedade Kennebec, son factores clave que a distinguen no mercado.
"O mercado recoñece as características da nosa pataca. Xera economía, cultura e orgullo para o noso municipio", recoñeceu o alcalde. Espérase que a feira atraia a máis de 5.000 asistentes, que poderán gozar dun completo programa de actividades que inclúe concursos gastronómicos, exposicións fotográficas, actuacións musicais, xogos populares e unha gran variedade de postos de produtos locais.
Outras novas