Socialistas de Coristanco e Malpica lamentan a falta de investimentos nos Orzamentos da Xunta
Trala primeira análise dos investimentos que hai formulados nos Orzamentos da Xunta para o 2023, as primeiras críticas chegaban dende o BNG comarcal. Hoxe recibimos os lamentos dos grupos socialistas de Malpica e Coristanco.
Unha “esmola” para Malpica
O PSdG consideran unha “Esmola” os 25.776 euros que o goberno autonómico reserva para arranxar a dársena interior do Concello o que segundo os socialistas da vila “únicamente permitirá cambiar as rodas como moito”. “Esa é toda a axuda para Malpica no vindeiro ano”, insisten dende o PSdG de Malpica, que pedirán “a mellora de toda a rede de abastecemento de auga potable. Esixiremos unha partida destinada a continuidade do saneamento que se enmarque no plan director de saneamento integral presentado por nós e voltaremos unha vez mais a reclamar unha mellora digna na seguridade da dársena interior”, subliñan os socialistas de Malpica.
”Abandono” para Coristanco
Pola súa parte, dende o PSOE coristanqués as cifras demostran o “abandono” da Xunta ante o seu concello. E destacan que “a partida destinada para o polígono industrial é surrealista e non permitirá construír a infraestrutura que acumula dúas décadas de retraso”. Se ben a a redacción do proxecto xa foi adxudicada este verán, cun prazo de execución de 9 meses, os orzamentos para 2023 comprometen 212.000 euros, “unha cantidade surrealista para acometer as obras do Parque Empresarial que anuncian”.
Lembran ademais que “a Xunta só comprometeu 30.000 euros para a cidadanía de Coristanco, no 2020 foron 0 euros, no 2021 a vila logrou 30.000 euros, pero en 2022 deixáronnos de novo con 0 euros”.
Segundo o voceiro Pérez Abelenda, “os orzamentos da Xunta esquecen á sanidade pública. En Coristanco levamos anos sen matrona, obrigando ás mulleres a desprazarse a outros municipios para ser atendidas”. O socialista tamén denuncia “a falta de pediatra nos meses de verán, obrigando ás familias a desprazarse a outros municipios”.