Bergantiños, da abundancia ao abandono
A cultura popular tiña esta mesma percepción en comparación coa pobreza das terras da montaña, así se expresa nesta cantiga popular: “Eu casei pra a montaña, / terriña de moito pan, / o forno da miña sogra, / bota silvas polo vran”.
Neste século XVIII a paisaxe comarcal era moi distinta á que vemos actualmente. O extenso espazo de terra cultivada, alternaba con zonas de monte baixo aberto e comunal, no que pastaba o gando e se extraía o toxo para estrar cortes e cañeiras. O monte arborizado, formado por carballeiras e soutos, era de moita menor extensión.
No seguinte século, é dicir no XIX, aquela paisaxe apenas variou. O trigo, que ocupaba a maior superficie nas agras, ía destinado ao mercado, ben para a cidade da Coruña, ben exportado para zonas do Mediterráneo. O millo gana terreo sobre todo nos vales da zona costeira, e o cultivo da pataca xa estaba xeneralizado. No monte, á diferenza do século anterior, aparece a repoboación forestal do piñeiro, máis intensa na zona litoral. O poeta Eduardo Pondal, bo coñecedor das terras bergantiñás, foi quen mellor soubo sintetizar a súa paisaxe nestes versos: “Ouh terra de Bergantiños, / ben te vexo desde lonxe, / cos teus trigos e os teus pinos”.
Se nos trasladamos ao século XX, durante a súa primeira metade, tampouco se observan notables cambios no sistema produtivo agrícola da comarca. Este sector seguía a ocupar a meirande parte da súa poboación activa. Os produtos predominantes seguen a ser os mesmos que os do século anterior. Aumenta a superficie de cultivo do millo, pataca e fabas, e o liño case desaparece, ao substituírse pola industria téxtil.
Na segunda metade deste século será cando se produzan profundos cambios neste sector. O baixo rendemento das explotacións agrícolas motivado por factores como o minifundio ou os baixos prezos dos cultivos tradicionais, provocou o abandono de moitas familias da actividade agrícola. E moitas daquelas que permaneceron trataron de darlle unha nova orientación cara ás explotacións gandeiras por consideralas máis rendibles. Isto levaría á modificación no tipo de cultivos. O trigo, que fora o de maior presenza, practicamente desaparece, tamén diminúe a plantación de millo tradicional, utilizado agora tan só para a alimentación de animais domésticos; pola contra, aumenta de xeito notable a extensión de millo híbrido e doutras plantas forraxeiras utilizadas nas explotacións gandeiras.
Este baixo rendemento do campo provocou o abandono do mesmo de moitos traballadores, que emprenderon o camiño da emigración cara aos países de Europa Occidental, sobre todo Suíza. Moitos outros incorporáronse á construción, cunha notable demanda de man de obra polo auxe deste sector neste período, impulsado polos cartos procedentes da emigración.
A consecuencia de todo o anterior foi a existencia dunha poboación agrícola avellentada, que se irá reducindo intensamente ano tras ano, minguando deste xeito as posibilidades de renovación do sector e, ao mesmo tempo, provocando o abandono de terras de labranza, que ocasionou unha crise sen precedentes na produción agrícola.
Diante desta situación de emerxencia, as diferentes administracións mantivéronse á marxe, sen aportar ningún tipo de solucións. A agricultura, desde hai anos, deixou de ser un asunto prioritario para os nosos gobernantes, que enfocaron a súa ollada noutros sectores que consideraron máis atractivos e de maior rendemento económico como o turismo.
Países avanzados de Europa como Francia, Alemaña ou Suíza, por moitas razóns, consideraron a agricultura como un sector estratéxico de primeira orde, polo que resulta difícil atopar algunha zona da súa superficie agraria inculta, non obstante, no noso caso, permitímonos o luxo de abandonar terras de tan boa calidade como as bergantiñás e importar produtos que poderíamos producir aquí para consumo interno e exportar a outros mercados.
Na situación que estamos a vivir motivada pola pandemia do Covid-19, na que gran parte dos sectores económicos se viron afectados, comprobouse como a agricultura foi un dous poucos que se considerou de primeira necesidade, imprescindible para o sustento da poboación. Isto debería motivar a reflexión dos nosos responsables políticos e inducilos a mudar a súa actitude cara a esta actividade, que precisa unha urxente reforma que a dignifique e impulse a súa produtividade.
A defensa do medio rural non só se xustifica pola produción de alimentos, que xa sería suficiente, senón que a fixación de poboación no campo aporta moitos outros beneficios. Actúa como garante do coidado do medio ambiente, minora o impacto medioambiental das zonas urbanas, contribúe ao coidado do monte e evita incendios, axuda á conservación do patrimonio natural e histórico e potencia a oferta dun turismo rural de calidade. Por canto tempo máis permitiremos o abandono do noso medio rural? Consentiremos que as feraces terras de Bergantiños queden asolagadas pola maleza?
Artigos da serie Camariñas no lampexar do tempo
- Camariñas no lampexar do tempo (I): A historia local como protectora do patrimonio.
- Camariñas no lampexar do tempo (II): Camariñas na cartografía e documentación antiga.
- Camariñas no lampexar do tempo (IV): Vila mariñeira consolidada.
- Camariñas no lampexar do tempo (III): Dous núcleos: Aldea e Vila.