Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Costa da Morte e o seu potencial turístico

Praia de Trece e duna de monte Branco
Praia de Trece e duna de monte Branco. Foto: Xan Fdez. Carrera
A Costa da Morte e o seu potencial turístico
A Costa da Morte, aínda que hai quen a denomina comarca, é unha rexión xeográfica galega constituída polas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, antiga Nemancos, máis os concellos de Mazaricos e Carnota. Despois de anos de certa polémica sobre cales eran os seus límites, actualmente existe bastante consenso sobre a súa delimitación tanto por parte das institucións públicas como da sociedade e isto supoñe un paso importante de cara a posta en valor do seu patrimonio.

Unha vez delimitado o seu espazo xeográfico, queda por concretar cales son aqueles bens patrimoniais paisaxísticos, naturais, históricos ou culturais a poñer en valor coa finalidade de sacarlle un rendemento turístico, aspecto no que aínda queda moito camiño que percorrer. Administracións públicas e sector privado deberán actuar de maneira conxunta de cara a conseguir ese obxectivo, primordial para o futuro económico deste territorio.

Na presentación da nova directiva dos profesionais de turismo desta rexión costeira levada a cabo no parador da Costa da Morte o pasado 18 de xullo, encabezada polo empresario Pepe Formoso, semella que teñen as ideas claras en asentar uns principios básicos para emprender un proxecto realista, esperanzador e de futuro para a Costa da Morte.

Principios como crer no gran potencial que temos, a necesidade de actuar unidos todos os implicados no sector, presentar unha directiva representativa no aspecto territorial e na diversidade da actividade turística, ampliar o número de socios para que o importe das cotas sexa menor ou profesionalizar a propia asociación, poñendo en mans de expertos tanto a xestión como a promoción. Tamén atinan na idea de conseguir unha maior diversificación dos recursos para ampliar a temporada turística.

Xa era hora de que o sector turístico da Costa da Morte presentase unha proposta integradora no territorial, diversa respecto á propia actividade e con miras a ampliar e unir o maior número de profesionais posible. E ao mesmo tempo, descubrir que o propio sector deberá acadar un maior protagonismo na planificación turística deste territorio e unha maior implicación na defensa e posta en valor da riqueza patrimonial existente posto que constitúe a esencia do seu potencial económico e do seu futuro.

Dispoñemos dun extraordinario patrimonio paisaxístico e natural, sobre todo na costa, que mostra unha gran diversidade, desde os sensacionais cantís que se estenden arredor das puntas ou cabos como Santo Hadríán, Roncudo, Vilán, Touriñán ou Fisterra, que alternan con extensos e salvaxes areais como Razo, Soesto, Traba, Nemiña, Rostro ou Carnota, ata as tranquilas rías de Corme e Laxe, Camariñas ou Corcubión. Ademais desta incomparable beleza, a nosa costa oferta outras posibilidades: práctica de surf, observación de aves, pesca de cana ou submarina, navegación, ou práctica de sendeirismo como a ruta do Camiño dos Faros.

Logo está a diversidade paisaxística do interior con espazos tan impresionantes coma os penedos de Pasarela e Traba ou o monte Pindo, ou os acolledores vales dos ríos Anllóns, Porto, Castro ou Xallas, que agochan no medio do bosque de ribeira espazos incomparables como o Refuxio de Verdes ou a área recreativa de Pedra Vixía. Ás veces as augas destes ríos sorpréndenos con inesperados chimpos dando lugar a espectaculares fervenzas como a de San Paio de Entrecruces, as do Rabiñoso, as Caldeiras do Castro ou a sublime do Ézaro. Mais os nosos cursos fluviais e os seus afluentes tamén son lugares idóneos para trazar rutas de sendeirismo, que ofrecen a posibilidade de contemplar a riqueza de fauna e flora que habita nas súas marxes ou nos permite gozar de construcións como muíños, pontes e pontellas e a práctica de deportes como a pesca fluvial ou piragüismo.

Se o patrimonio paisaxístico e natural da Costa da Morte é excepcional, o histórico e cultural tamén resulta de sumo interese. Dispoñemos dun magnífico patrimonio megalítico ben distribuído polo territorio, co dolmen de Dombate como gran reclamo. Queda seguir loitando para que o Parque do Megalitismo se converta en realidade. Contamos tamén con abundantes castros, aínda que poucos deles están en condicións de ser visitados; igrexas e capelas cun elevado valor arquitectónico ou escultórico.
Aquelas de maior interese, deberían dispoñer dun horario de apertura ao público. Antigas fortalezas ou pazos, algúns visitables, pero conviña aumentar a oferta. Unha gran variedade de hórreos tanto en formas como tamaño e un gran número de cruceiros.
Outro notable patrimonio histórico é o dos faros, moi pouco aproveitado. Temos os faros máis espectaculares de toda a costa peninsular, pero case todos pechados. Urxe realizar as xestións necesarias para poñelos en valor como sucede noutros países. A artesanía tamén é outro dos nosos activos patrimoniais, sobre todo o encaixe de Camariñas, a cerámica de Buño, o liño ou os secadoiros de congro de Muxía, igual que o patrimonio literario, moi pouco explotado, cando dispoñemos de salientables escritores canónicos como Eduardo Pondal, Gonzalo López Abente ou Enrique Labarta Pose ou actuais, que permitirían trazar interesantes rutas literarias polo territorio.

Tamén atraen o turismo as nosas romarías e festas patronais, as celebracións gastronómicas ou de recreación histórica, festivais musicais ou eventos culturais e deportivos que se organizan ao longo do ano.

A gastronomía é outro dos nosos grandes recursos, fundamental para atraer visitantes. Avcalidade dos nosos peixes e mariscos, constitúe a mellor materia prima para elaborar exquisitos pratos, igual que a excelente carne e produtos agrícolas que se producen en terras do interior, por iso convén apoiar estes sectores produtivos para dispoñer de óptimos ingredientes de proximidade.

A parte sur da Costa da Morte dispón doutro incentivo máis que favoreceu moito o turismo da zona como é o camiño xacobeo de Fisterra e Muxía, que desde que se comezou a promocionar a finais do século XX, foi esencial para o despegue turístico da parte meridional da rexión.

Comprobada a inmensa potencialidade turística deste noso territorio queda por determinar como poñer en valor toda esta riqueza patrimonial baixo a denominación de Costa da Morte, de xeito sustentable e mantendo intacta a nosa identidade, estruturándoa en distintos apartados coa finalidade de chegar a un maior número de visitantes con intereses diferentes, tarefa que aínda queda por acometer e que representa o maior desafío para esta nova directiva da asociación APTCM.

Novas relacionadas

OUTROS ARTIGOS DE XAN FERNÁNDEZ CARRERA

ARTIGOS de Xan Fdez. DA SERIE CAMARIÑAS NO LAMPEXAR DO TEMPO

Comentarios