Mércores. 09.10.2024
El tiempo

Xan Fdez. Carrera presenta un novo libro histórico sobre a pesca en Muxía

  • Este venres 30 de decembro, ás 20:00h no Salón de Actos do Voluntariado, preséntase o libro "A pesca en Muxía. O autor, Xan Fernández Carrera, fainos a previa:
Cartel A pesca en Muxía H
Xan Fdez. Carrera presenta un novo libro histórico sobre a pesca en Muxía

A vila de Muxía tivo un pasado mariñeiro desde a súa fundación nun espazo no que practicamente o mar era único medio de subsistencia dos seus habitantes. Diante da limitación da superficie terrestre na que se asenta este núcleo, o aproveitamento dos recursos mariños resultaba imprescindible.

Así sucedeu durante centos de anos, ata que a finais do pasado século, o sector pesqueiro entrou nunha fonda crise que ocasionou a redución da frota pesqueira, e como consecuencia, á eliminación de moitos postos de traballo neste sector. Muxía deixou de vivir exclusivamente do mar e foise incorporando ao sector turístico. Este cambio poñe en perigo de desaparición a tradición mariñeira desta vila. Por iso cómpre, que tanto a cidadanía muxiá coma as institucións, sexan conscientes deste perigo e tomen as medidas necesarias para conservar toda esa riqueza cultural forxada ao longo de tantos anos,  que definiu o xeito de vida dos muxiáns. 

O libro A pesca en Muxía, que se presentará o venres 30 de decembro no Salón de Actos do Voluntariado,  pretende ser unha aproximación a ese rico patrimonio cultural mariñeiro e contribuír ao coñecemento e conservación desa cultura que ao longo do tempo crearon numerosas xeracións de muxiáns,  e que boa parte dela, aínda se garda na memoria de moitos mariñeiros, hoxe xa xubilados. O contido desta publicación é produto dunha achega colectiva de homes e mulleres que coñecen profundamente o mundo do mar, e que dun xeito desinteresado, se brindaron amablemente a compartir a súa sabedoría con todos nós coa pretensión de transmitila ás vindeiras xeracións.

De aí o noso agradecemento a todos estes informantes, aínda que algúns deles xa non poderán ver recollido o seu testemuño, porque hai anos que non están connosco, pero a súa voz mantense viva a través das páxinas impresas. Toda a información que eles aportaron, representa o contido máis valioso que se recolle no presente volume.

A publicación divídese en dous grandes apartados, un primeiro no que se mostra un percorrido ou singradura pola historia de Muxía desde a súa fundación, probablemente,  a comezos da baixa Idade Media, a iniciativa dos monxes do mosteiro de Moraime, ata os tempos actuais. 
A segunda parte, máis ampla que a anterior, céntrase na pesca deste porto da Costa da Morte, actividade que practicaron os seus moradores desde que se instalaron neste reducido territorio circundado polo mar.

Ao congro, pola importancia que tivo, dedícaselle un maior espazo, no que se explica polo miúdo todo o proceso de pesca, curado e comercialización, pero tamén se describe con detalle a pesca do abadexo, do percebe ou da lagosta. Ao caladoiro do Canto tamén se lle dedica un capítulo a parte, xa que foi o momento de maior esplendor da pesca na Muxía nos anos setenta do pasado século. 

Os últimos epígrafes tratan sobre os tipos de embarcacións e a súa evolución neste porto, as artes de pesca, a marquetería mariñeira, a predición do tempo por parte dos mariñeiros, e como remate, recolle a celebración da Festa do Mercado das Rutas do Mar, un evento que xa forma parte do calendario festivo muxián. 

Novas relacionadas

OUTROS ARTIGOS DE XAN FERNÁNDEZ CARRERA

ARTIGOS de Xan Fdez. DA SERIE CAMARIÑAS NO LAMPEXAR DO TEMPO

Comentarios