Luns. 04.11.2024
El tiempo

FERROATLÁNTICA

A dirección de Ferroatlántica non só se nega a arrincar os fornos, senón que se formula ampliar o ERTE

A dirección de Ferroatlántica non só se nega a arrincar os fornos, senón que se formula ampliar o ERTE

Mentres en Galicia o Conselleiro ameazaba con rescatar as centrais se Ferroatlántica para outro forno (nas fábricas galegas xa están paradas a metade das unidades produtivas, dúas en Cee e dúas en Sabón), en Madrid, a sección sindical da CIG (a única que pode estar na mesa de negociación) traballa pola recuperación da actividade dos dous que xa están parados, e que poden carrexar grandes consecuencias, non só para os postos de traballo, se non para a viabilidade da fábrica.

Pero a CIG explica trala segunda reunión desta semana que a dirección se nega a arrancar os fornos, e polo tanto a garantir emprego e futuro ás fábricas e formula prorrogar o ERTE. É tan clara a posición da empresa que mesmo manexa a posibilidade de prorrogar o expediente de regulación, convocado para 2 anos, e que empeza o vindeiro 1 de marzo.
Unha posición absolutamente imposible para a CIG que considera que “en ningún caso pode superar o ano 2019, atendendo a que o proceso para a regulación dunha tarifa para a industria electrointensiva xa está en marcha”.

Igualmente, e como pedían ao saír da reunión do pasado xoves, a dirección rexeitou retirar os recursos contra a resolución da Xunta. Un feito que confirma a súa teima coa venda das centrais hidroeléctricas.

Con estes posicionamentos, a CIG xa adianta a imposibilidade de avanzar ningún tipo de acordo. De feito, ao inicio da xuntanza de hoxe, a representación da CIG entregou o contrainforme elaborado polo Gabinete Técnico e reiterou que calquera posibilidade de entendemento pasa porque a empresa presente un calendario efectivo para o arranque dos fornos (que deberan estar plenamente operativos a máis tardar o 1 de xullo); e por ofrecer garantías da continuidade do emprego e da produción industrial, evitando que a competencia desleal e a deslocalización ás plantas de Francia e Noruega sexa definitiva.

Lembra a CIG que as cláusulas concesionais son moi claras neste sentido: a actividade das centrais está vinculada a actividade industrial, por iso piden á Xunta que dea un paso máis nas súas esixencias, xa que cos dous fornos apagados a fábrica perdería boa parte da súa rendibilidade.

Da posibilidade de levar a mesa negociadora ao centro de traballo, como piden o Comité ao completo, a empresa non dixo nada. Pero a Inspección de Traballo de Madrid, a raíz da impugnación da CIG, convocou á mesa negociadora para este vindeiro día 28

De todo o tratado na xuntanza deste venres, a CIG informará o persoal das fábricas da Costa da Morte nunha asemblea este sábado en Cee, e fará o propio nos vindeiros co persoal de Sabón.

Novas do co conflito #Ferroatlántica

Comentarios