Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A extracción da mexilla volve poñer de manifesto a dobre vara de medir da Xunta cos percebeiros

mariscadoras da mexilla en Louro
Extractores da mexilla nas pedras de Louro
A extracción da mexilla volve poñer de manifesto a dobre vara de medir da Xunta cos percebeiros

As primeiras boas mareas do ano provocan que os mariscadores de extracción da mexilla xa anden de campaña polas rochas da Costa da Morte. Unha situación que, polo de agora, non ten xerado problemas, pero que segue preocupando a moitos percebeiros da comarca.

Cómpre lembrar que o Plan de explotación da mexilla aprobado pola Xunta apenas protexe pequenas zonas de 5 concellos costeiros, (sobre todo os que máis alzaron a voz, nomeadamente Corme, Laxe e Muxía), deixando a meirande parte do litoral á expensas das raspas dos bateeiros.

A problemática dase porque os percebeiros teñen claro que o mellor percebe sae en zonas onde tamén hai mexilla. Deste xeito, “se van estar durante 6 meses, rascando pedras cada 15 días en función das mareas, como han de quedar as pedras?”, pregúntanse.

Se ben a día de hoxe os bateeiros están cumprindo coas normas e están indo a zonas pouco produtivas de percebe, o conflito segue aí. “Os mariscadores agora estamos indo ao ourizo, camarón, navalla… cun horario e zona determinados, con cupos… cando os da mexilla poden ir cando queren, por onde queren e coller todo o que queren sen ningún tipo de control”, quéixanse os mariscadores locais.

Así o viven estes días, por exemplo, en zonas de Muros, xa que o Plan da Xunta só prohibe a extracción de mexilla nas pedras da Casarica. Estes días andan nas pedras que están diante Faro de Louro, no Meixón e no Pirullo, zona habitual dos percebeiros de Porto do Son, que foron os que a solicitaron xa que Muros non ten percebeiros a flote.

Tamén están indo por zonas de Muxía pouco produtivas de percebe, e por zonas de Corme, sempre respectando as zonas protexidas.

 

NOVAS SOBRE PERCEBEIROS

Comentarios