Luns. 14.10.2024
El tiempo

Numerosísima presencia costeira entre os finalistas aos Premios Mestre Mateo

Costeiros no Mestre Mateo
Marta Lado e Alba Mancebo (á dereita), A Illa das Mentiras, Dorothé na vila e Lúa Vermella, son protagonistas nos Mestre Mateo
Numerosísima presencia costeira entre os finalistas aos Premios Mestre Mateo

A Academia Galega do Audiovisual vén de presentar as nominacións dos Premios Mestre Mateo 2021. Os gañadores daránse a coñecer na Gala dos XIX Premios Mestre Mateo, dirixida por Tito Asorey, que se celebra o próximo 10 de abril no Teatro Colón da Coruña e será retransmitida pola Televisión de Galicia.

Foi a corcubionesa Marta Doviro, xunto a Amador Arias, a responsable de dar a lista de nominados nun evento celebrado no Teatro Colón. Unha lista na que atopamos innumerables referencias da nosa comarca.

Unha das grandes protagonistas costeira é a heroína irmandiña Alba Mancebo, nominada como Mellor Comunicadora de TV en “Os Castros” (TVG), programa que tamén é finalista a Mellor Programa de TV. Competirá con xentes como Roberto Vilar, Rodrigo Vázquez ou Simone Saibene.

Entre os finalistas non poden faltas algunhas propostas costeiras como as webseries ”Xan” e “Amnesia 3.0”, as dúas series gañadoras do premio á produción de proxecto do festival de contidos dixitais Carballo Interplay. Amenia 3.0, a primeira webserie interactiva en galego, e Xan, o proxecto de Lucía Estévez e Miguel Canalejo, competirán con Mataría e Docway á Mellor Serie Web.

Encántanos ver que ”Dorothé na vila”, o traballo do carballés Alejandro Gándara e Olaia Tubío (Rois) está nominada a Mellor Documental, e ten tamén a nominación á Mellor Montaxe de Lucía Estévez.

Tamén está nominado Lois Patiño coa historia do Rubio de Camelle en “Lúa Vermella”, a Mellor Longametraxe, Mellor Dirección, á Mellor Dirección de Fotografía.

A actriz fisterrá Marta Lado é finalista á Mellor Interpretación Feminina de Reparto polo seu papel en “Ons”, un dos filmes con máis nominacións: Mellor Longametraxe, Mellor Dirección (Alfonso Zarauza), Mellor Guión (Alfonso Zarauza e Jaione CC), Mellor Interpretación Masculina Protagonista (Morris), Mellor Interpretación Feminina Protagonista (Melania Cruz), Mellor Interpretación Masculina de Reparto (Xulio Abonjo), Mellor Dirección de Fotografía (Alberte Blanco), Mellor Dirección de Arte (Elias Robles), Mellor Montaxe, Mellor Vestiario (Alibcia e Lola Dapena), Mellor Dirección de Produción (Tamara Soto).

Outra das películas máis nominadas é “A Illa das Mentiras”, gravada en Muros e coa ceense Ana Oca como unha das tres protagonistas, nominada a Mellor Longametraxe, Mellor Dirección (Paula Cons) Mellor Guión (Paula Cons); Mellor Interpretación Masculina Protagonista (Darío Grandinetti), Mellor Interpretación Feminina Protagonista (Nerea Barros), Mellor Interpretación Masculina de Reparto (Milo Taboada), Mellor Dirección de Arte (para Antonio Pereira), Mellor Montaxe (Julia Juaniz), Mellor Vestario (Eva Camino), Mellor Maquillaxe e Perruquería (Raquel Fidalgo e Patricia Vilela), Mellor Dirección de Produción (Lucía Baleato).

Compre sinala tamén que "Illas de Sal", o vídeo de Xabier Díaz gravado na praia de Carnota, é finalista ao Mellor Videoclip.
E tamén, "Non me espera ninguén" de Ézaro Films, na que participa a xalleira Isabel Blanco, está nominada á Mellor Curtametraxe de imaxe real.

Novas relacionadas

Os Mestre Mateo

Comentarios