Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Os oficios artesanais da Costa da Morte reinvéntanse día a día para garantir a súa permanencia

alberto
Alberto Añón é un dos oleiros máis novos de Buño. Antía Sacedón.
Os oficios artesanais da Costa da Morte reinvéntanse día a día para garantir a súa permanencia

A olaría, o encaixe e o liño son tres oficios artesanais cunha pegada inmensa na historia da Costa da Morte. Hoxe en día vivir da artesanía non é sinxelo, mais a pesar diso son moitas as familias que seguen apostando polos seus oficios artesanais. Coñeceremos de primeira man como se atopa actualmente a situación da olería en Buño, do encaixe en Camariñas e do liño en Carreira, Zas.

 

A olería de Buño

Buño é hoxe en día o maior pobo oleiro de Galicia. Nel conviven vellas xeracións de oleiros que manteñen as formas e estruturas tradicionais coas novas xeracións que incorporan inéditas formas, cores e propostas. Desta maneira conseguen darlle unha nova imaxe a un oficio tradicional datado na prehistoria coa elaboración de pezas feitas a man.

maría
María Canedo na súa tenda de olería en Buño. Antía Sacedón.

O taller de Olería Feituras naceu en Buño no ano 1986. Cunha parte de relevo xeracional e outra de mestura, pois foi a nai de Eloy Mancebo e sogra de María Canedo, actuais donos, quen comezou con Feituras, conseguiron manterse no oficio artesanal e rexentar a súa propia tenda de olería en Buño. “Eu creo que para Buño a olería é fundamental. Buño é un pobo oleiro entón eu creo que sen a olería Buño perdería a súa esencia. Para nós... nós vivimos de isto, é moi importante, parte da nosa vida. É unha sorte hoxe en día poder vivir do que che gusta”, explica María.

“Eu creo que para Buño a olería é fundamental. Buño é un pobo oleiro entón eu creo que sen a olería Buño perdería a súa esencia”- María Canedo

A pesar de que é certo de que en Buño houbo moitas máis familias oleiras das que permanecen actualmente, no seu caso Feituras nunca tivo un parón dende que comezou a existir profesionalmente. “Agora estaremos nuns doce oleiros. Obviamente é algo que se nota. Non hai tantas familias oleiras coma antes, perdéronse moitas, mais eu creo que está volvendo. Teño a esperanza de que isto siga subindo outra vez”, afirma María.

Baixo o seu punto de vista, a olería aínda non ten a relevancia que se merece, ao igual que o resto das artesanías, a pesar de estar nun bo momento. “Eu creo que agora mesmo volveuse a volver un pouco a artesanía, quero pensar que non é unha moda e que a xente estase interesando pola artesanía e dálle máis valor. Pero creo que non son conscientes igual do traballo que isto require”, asegura a oleira.

Eu creo que agora mesmo volveu a xurdir un pouco de valor á artesanía, quero pensar que non é unha moda e que a xente estase interesando pola artesanía e dálle máis valor”- María Canedo

piezas maría
Nas súas pezas adoitan xogar coa decoración e o debuxo. Antía Sacedón. 

No seu caso hai uns anos que lle deron unha pequena volta ao que era a olería tradicional, xogando coa decoración e o debuxo a man alzada. “Nós traballamos moito co engobe porque permite facer un sombreado e uns debuxos a man alzada que non che permiten os esmaltes. Nós xogamos moito con iso”, puntualiza. Non obstante, a maiores da innovación, recoñece que se están volvendo a levar todos os utensilios de olería relacionados coa hostalaría. “Agora está moi en auxe o que é a hostalaría e todo o útil. Vólvese a recuperar o de antes: xogos de café de barro de Buño, vaixelas... Nótase que está volvendo o uso de barro de Buño na cociña”, finaliza.

Un claro exemplo de relevo xeracional en Buño é Alberto Añón Corral, nado no ano 1993. A Alfarería Lista, na que actualmente é oleiro, naceu no ano 79 a mans de seu pai, quen despois de estudar delineación industrial decide emprender como oleiro. “Eu nunca decidín dedicarme a insto, meu pai foi ensinándome pouco a pouco e o oficio de oleiro foi entrando en min”, explica Alberto. Dito interese levouno a estudar escultura na EASD Pablo Picasso e a facer varios cursos de cerámica pola súa conta.

Pese á súa corta idade, Alberto non considera que iso sexa algo que inflúa na profesión. “Penso que outros conceptos aportan máis. As ganas de experimentar cos materiais, técnicas, as novas ferramentas que nos ofrece a sociedade...Debemos collelas e ir xuntos da man. Non hai que ter medo a facer cousas novas, se quedas estancado na tradición terminas por desaparecer”, asegura.

“Non hai que ter medo a facer cousas novas, se quedas estancado na tradición terminas por desaparecer” – Alberto Añón

Sen dúbida os retos non son un impedimento para el, pois actualmente estase introducindo no mundo da impresión en 3D en cerámica. “Desfruto moito probando unha e outra vez esta ferramenta de traballo. Podo dicir que son unhas das pezas máis complexas que estou facendo. A nivel de deseño, técnico, materiais, post procesado... Con todo queda un longo percorrido ata conseguir as pezas que teño en mente”, explica.

O encaixe de Camariñas

O encaixe é, sen dúbida, a principal identidade de Camariñas. Tal é así que no ano 1991 dito pobo inauguraba a súa primeira Mostra do Encaixe, a cal transformaría para sempre a súa historia e a de miles de palilleiras. “A Mostra en si nace hai 32 anos, esta foi a 32 edición. Creamos tamén o Museo do Encaixe. Eran unhas mostras impresionantes da xente que había, as colas de coches chegaban case a Ponte do Porto. Non había nada igual en ningunha parte do mundo. Hoxe é un referente do encaixe mundial”, explica Sandra Insua, actual alcaldesa de Camariñas.

“Eran unhas mostras impresionantes da xente que había, as colas de coches chegaban case a Ponte do Porto. Non había nada igual en ningunha parte do mundo. Hoxe é un referente do encaixe mundial” – Sandra Insua

Processed with VSCO with a4 preset
O encaixe é o principal signo de identidade para Camariñas. Antía Sacedón.

Para asegurar o mantemento da tradición do encaixe, a maiores das diversas asociacións que seguen vixentes en Camariñas, hai unha Escola Municipal de Palillo para todas as nenas e nenos. “Este ano hai tamén tres nenos aínda que tradicionalmente sempre foi un mundo maioritariamente feminino. En total son uns cincuenta”, apunta Encarna Liñeiro, concelleira de encaixe.

Noemí Toba, adxunta á Dirección da Mostra do Encaixe, é unha parte esencial na súa organización e desenvolvemento. Antes de ocupar dito posto formaba parte dos voluntarios que cada Semana Santa acoden á celebración para axudar en todo o que poidan. “A xente á que lle gusta, e empeza como voluntario, está moitos anos. É algo que vives e desfrutas moitísimo, tamén traballas moito, pero é algo que che encanta e que fas por amor ao arte”, explica Noemí.

A xente á que lle gusta, e empeza como voluntario, está moitos anos. É algo que vives e desfrutas moitísimo” – Noemí Toba

Para ela, poder traballar para un evento como este é algo gratificante e soñado. “Os anos de voluntaria fun moi feliz e agora traballando moito máis. A min a moda encántame, de feito agora estou estudando moda e entón para min vivir nas pasarelas era algo que me gustaba. Empecei como voluntaria e encantoume, e agora vívoo doutra maneira”, finaliza.

noem.jpgi
O encaixe tamén está presente nos complementos. Noemí Toba cun arnés de encaixe. Antía Sacedón.

As primeiras xeracións que traballaron o liño

Fina Mallón Domínguez empezouse a dedicar ao liño hai trinta anos e logo pasou a formar parte da Asociación O Santiaguiño de Carreira trala súa creación. Hoxe en día, e cun gran pesar, considera que na maioría dos casos xa non hai un relevo xeracional que poida seguir mantendo o traballo. “No meu caso non hai relevo. Antes había moita xente moza pero casouse e marchou traballar para fóra. Eu tiven unha época na que traballábamos sete persoas, sacábamos soldo para todas, pero logo empezou a ir a menos e cada vez máis”, explica Fina.

“Eu tiven unha época na que traballábamos sete persoas, sacábamos soldo para todas, pero logo empezou a ir a menos e cada vez máis” – Fina Mallón

No relativo á actualidade, Fina únese ao pensamento de que as artesanías seguen sen estar valoradas. “É algo que leva moitísimo tempo traballalo e realmente non o pagan”, afirma. Na súa opinión, será difícil que nos vindeiros anos alguén consiga vivir de cultivar o liño, mais quizás si se consiga manter o oficio de tecer.

fina
Fina Mallón empezouse a dedicar ao liño hai 30 anos. Antía Sacedón.

Sería unha verdadeira pena que os traballos artesanais non conseguiran a relevancia social que merecen. Crear iniciativas que incentiven o seu mantemento e relevo entre as novas xeracións é imprescindible para que podamos seguir falando de artesanía na Costa da Morte nos próximos anos.

REPORTAXES DE ANTÍA SACEDÓN

Comentarios