Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Pactómetro (III): Apurando ata última hora

Pactometro Costa da Morte 2
Pactómetro (III): Apurando ata última hora

Ata última hora están apurando os grupos as súas decisións de cara ao pleno de formación das novas corporacións que se celebrará o sábado 15 de xuño ás 12:00h, cando teremos un completo Carrusel Electoral na que coñeceremos as novas alcaldías en QPC e nas redes.

A verdade é que parece sorprendente que decisións tan importantes se tomen sobre a bocina, despois de 3 semanas nas que se puideron ter avanzando as negociacións. Pero a realidade é que ata este venres apenas un par dos 9 concellos que non teñen maiorías teñen máis ou menos encamiñado o seu futuro. Moitos dos candidatos falan tomar as decisións con “reflexión e cautela”, o que pode acabar convertíndose en apremio.

Carrusel electoral

En todo caso, este sábado viviremos un auténtico electoral en QPC, tanto no diario como nas redes sociais, nas que iremos actualizando a formación dos novos gobernos.

3 concellos encamiñados

Carnota, e Cee camiñan cara o goberno en minoría do PSOE. Parece que non hai posibilidades de pacto tampouco en Cee, a pesar do continuo ruxe ruxe que pon reunións entre candidatos por restaurantes da comarca. As nosas informacións sinalan que un hipotético tripartito entre PP-IxCee-Cs sería inviable, e que nin sequera está en riba da mesa.

Pola súa parte Fisterra ten o pacto cantado, se ben o BNG está pedindo algunha cousa máis que en 2015.

Sobre Muros xa actualizamos concretamente a situación, que volve deixar ao PSOE na estrana situación de decidir se goberna PP ou CxG.

Decisións para mañá

Tamén fixemos parada específica en Coristanco, onde se ben avanza un posible goberno de coalición que dea estabilidade ao Concello entre PP e TEGA, hai escollos que parecen complicados de salvar, como é a presencia da número 5 da lista, Clarisa Couto, participante no seu día na moción de censura de Gerpe e Plágaron contra Amancio Lavandeira.

En Corcubión, os últimos órdagos que analizamos pormenorizadamente deixan a cousa no aire ata o propio sábado, ou incluso a partir da vindeira semana.

Esta mesma noite terá o grupo de CxG Santa Comba unha reunión chave, para decidirse se formar goberno co PP, co PSOE, ou o máis probable, abterse para investir a un dos dous e manterse na oposición.

En “Malpica está todo no aire”, e o goberno de coalición pode caer tanto dun lado como doutro. De feito, Alfredo Cañizo (Cs), que ten a chave, reunirase co PP durante a mañá do venres, mentres polo lado esquerdo, PSOE, onde Walter Pardo manterá a súa proposta para ser investido, e BNG esperan o posible tripartito.

Tamén Vimianzo vive pendente dun fío. O posible pacto entre Adiante Vimianzo e PP, que arrebata a alcaldía á forza máis votada, o PSOE de Mónica Rodríguez. As negociacións entre Adiante e PP continúan no mesmo punto, con recadeiros polo medio, pero sen reunións específicas. "Se non recibimos ningunha proposta, é difícil chegar a un acordo", sinala Raquel Rodríguez, candidata do PP, que deixa claro que "hai xente que se está cebando en que temos un pacto, algo que é totalmente falso". O que ten claro Raquel Rodríguez é que "non imos apoiar a ninguén".

Ata o propio pleno non se coñecerán as posturas definitivas.

Todas as novas das Eleccións

 

Comentarios