Xoves. 18.04.2024
El tiempo

Pactómetro Muros (III): O PSOE decidirá se goberna PP ou CxG

maria Xose Alfonso Caridad Gonzalez e Ines Monteagudo candidatas de Muros
Caridad González (PSOE), no centro, terá que decidir, de novo, a alcaldía entre María Xosé Alfonso (CxG) e e Inés Monteagudo (PP)
Pactómetro Muros (III): O PSOE decidirá se goberna PP ou CxG

En 2015, o PSOE (segunda forza) daba a alcaldía a CxG (terceira forza) coa súa abstención no pleno de investidura. O órdago de María Xosé Alfonso funcionaba e a permitiu gobernar durante estes 4 ano. Agora, a dous días do pleno de formación da corporación, e cuns resultados practicamente semellantes que hai 4 anos, a situación volve repetirse. Parecía que ía ser posible un goberno de coalición entre PP e CxG, pero as negociacións non acaban de sacar froito (entre ningunha das 4 candidatas), e será de novo o PSOE o que decida se PP ou CxG goberna nesta lexislatura.

Así o ratificou a alcaldesa en funcións María Xosé Alfonso, que se ben sinala que o “obxectivo prioritario de CxG era un goberno de esquerdas, si que temos claro que non podería estar presidido por Caridad González, porque tería pouco ou nada de esquerdas”. Deste xeito “se non pode ser de esquerdas, será do PP, menos malo”, sinala a voceira de CxG, que recoñece ter achegado posturas con PP pero “nunca falamos de apoiar ao PP, como moito que goberne por ser a forza máis votada”.
Nese sentido, Alfonso confirma que “CxG vaise postular para alcaldía e así o decidimos entre todos, según o que faga o PSOE gobernará o PP ou nós”.

Unha situación que sorprende a Inés Monteagudo, candidata popular, que nalgún momento confiou na posibilidade ata de formar goberno de coalición.

Agora a papeleta está do lado socialista. “Temos un papelón, si, porque a señora que está en funcións non ten a cabeciña amuebleada”, sinala duramente Caridad González, candidata do PSOE. A segunda forza ten esta noite unha reunión clave da executiva para decidir que facer. “Hai 4 anos queríamos formar un goberno de esquerdas, e dímoslle a alcaldía porque quen ía pensar que ía queimar Muros. Este ano quixemos intentalo de novo e ata un deputado falou con ela (en alusión a María Xosé Alfonso), pero a nena quere ser califa, e con esa liña vermella non se pode facer nada”, sinala sobre a decisión tomada de CxG de non investir de ningunha maneira a Caridad.

En todo caso, a situación é moi complicada para o bando socialista porque “darlle a alcaldía ao PP non é prato de gusto”.

Últimas opcións para o tripartito de esquerdas

Alfonso deixa a porta aberta a un tripartito de esquerdas, pero sempre coa alcaldía do grupo verde, “no que podería entrar no goberno os dous edis do BNG e tamén estaríamos dispostos a incorporar aos membros do PSOE que eles consideren (agás a cabeza de lista, claro)”, apunta.

En todo caso, o BNG, que intentou mediar entre PSOE e CxG, vén de desistir ao entender que “non hai vontade de formar un goberno sólido que desbloquee a actual situación de parálise no concello”. Por iso, o BNG decidiu o pasado domingo que se vai abster na votación.

Todas as novas das Eleccións

 

Comentarios