#AUTOVÍA
“Se o PP quere facer o Corredor da Morte, que marchen que nós acabaremos a obra”

Escóitanse os primeiros ecos do anuncio do novo treito da “Vía de Altas Prestacións”. Se a propia alcadesa de Vimianzo amosábase “triste” por ver que a Xunta non asume o enlace co polígono, hoxe é o alcalde de Dumbría, tamén socialista, o que amosa a súa disconformidade con todo o procedemento de construción desta necesaria infraestrutura.
Unha estrada (pola que xa levamos esperando demasiados anos) que xa tivo ata 4 nomes, pois o proxecto comezaba como unha Autovía, pasou por Vía de Altas Capacidades (VAC), tornouse en Corredor e remata chamándose Vía de Altas Prestacións (VAP), recortando un carril por sentido ao proxecto orixinal a pesar de ter feito os movementos de terras dende hai anos para doble carril.
Para José Manuel Pequeño ten outro nome: “O Corredor da Morte”. O alcalde dumbriés lembra a experiencia do corredor do Salnés, o do Morrazo ou da Barbanza, que tiveron que ser desdobladadas pola alta siniestralidade.
Datas e cifras
Pequeño fai memoria. “O PP sempre creu no proxecto primitivo que tiña Feijoo cando estaba de Conselleiro. Pero cando socialistas chegan ao poder co bipartito, despois de varias reunións dos alcaldes da zona, conseguimos que se cambiase o proxecto por unha Autovía para unir Fisterra e A Coruña. En 2008 sacaron a contratación de toda a Autovía a Brens, e ata viu Toruiño a poñer a primeira pedra, facendo as expropiacións de todas as parcelas ata Berdoias, e facendo tamén os movementos de terras e a explanación” (ata Berdoias hai outros 8 km cos terreos xa expropiados e acondicionados dende 2014).
Moitos lembran aquela visita do Conselleiro Agustín Hernández de 2012 na que aseguraba “en 2013 poderá circularse entre Carballo e Berdoias a través dunha autovía libre de peaxe”. Pero chegou a crise, e houbo ata dous anos de parálise absoluta das obras. Precisamente nese 2013, o mesmo Conselleiro riuse de toda a Costa da Morte asegurando que a Autovía estaría rematada no 2016, sen facer referencia ningunha aos retrasos. Finalmente, en 2016 e tras 13 anos de espera, inaugurouse a metade da Autovía prometida. Dende aquela, non houbo un só euro investido na infraestrutura ata o anuncido da pasada semana.
As cifras tamén fon polémicas no seu día: “Nese ano 2008, os socialistas tiñamos contratado 60km, por 584 millóns de euros, que saia cada km a 10 millóns de euros. Entrou o PP e reduce a 42km o proxecto, pero saca un orzamento de 930 millóns. Entón houbo unha alarma terrible, e tralas protestas reducen a contratación por 773 millóns de euros os 42 km a COPASA. Ao final quedaron 27 km por 620 millóns. Reduciuse de 60 a 37, e o km pasou de 10 a 22 millóns de euros. Esa foi a variación que provocou o PP”, explica.
Ampliación tamén con recortes
Pequeño ve ademais graves recortes no proxecto de ampliación ata Vimianzo. “De pouco vale chegar ata Vimianzo sen non hai enlace ata o Polígono, pero é que ademais “a Consellería aseguran que ten intención de eliminar os viadutos do proxecto porque estorban para o Corredor… Din que están facendo o proxecto novo, cando xa hai un proxecto prefectamente definido. Son circunstancias que non son entendibles, porque algo non casa. Alguén tense que facer responsable dos cartos públicos”, lamenta Pequeño.
Un Pequeño que ten claro, neste período electoral: “Se eles non son capaces de facelo, se queren facer o Corredor da Morte, que marchen e outros o faremos posible. Eu teño clarísimo de que se os socialistas gañamos teríamos nunha lexislatura a Autovía completa”, promete.
Novas da Autovía
- 21-02-2020: Anunciada a ampliación da “Vía de Altas Prestacións”, con saída pero sen enlace co polígono de Vimianzo.
- Outubro 2019: Os Orzamentos da Xunta inclúen 1 millón de euros para a VAC, pero as obras non comezarán ata 2021.
- Xuño 2019: A Xunta descarga no Goberno Central a conexión da Autovía co polígono de Vimianzo.
- Novembro 18_ “A este ritmo, o Corredor da Costa da Morte estará completo en 2070”.
- Maio 18: A Autovía Costa da Morte, a segunda menos utilizada de toda Galicia.
- Marzo 17: De Autovía a Corredor: Un novo recorte para a imprescindible infraestrutura da Costa da Morte.
- 09-03-17: O PSdG solicita un acceso directo ao polígono de Vimianzo na prolongación da autovía da Costa da Morte.
- 2016: 13 anos despois, a Costa da Morte terá por fin, media Autovía.
- 2014: As máquinas volven traballar na Autovía Costa da Morte case dous anos despois.
- 2013: O Conselleiro ríese da Costa da Morte asegurando que a Autovía estará rematada no 2016.
- 2012: O Conselleiro ratifica unha Autovía ata Berdoias rematada no 2013 e sen peaxe.
- 2008: Touriño chega pola VAC e pon a primeira pedra da Autovía Costa da Morte.